Alberto Núñez Feijoo e Manuel Baltar

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, asinaron hoxe no Balneario do Carballiño o acordo para a execución do Plan Termal Provincial, cumpríndose así o anuncio feito polo presidente provincial o pasado día 14 no pleno do debate sobre o estado da provincia. O documento hoxe asinado supón a posta en marcha das actuacións para o desenvolvemento das estratexias e proxectos que no horizonte 2014-2020 se levarán a cabo en materia de infraestruturas, servizos e promoción do termalismo na provincia de Ourense.

No seu discurso, Manuel Baltar agradeceu a implicación e apoio do goberno autonómico, “pois entre ambos pasamos das palabras aos feitos, apostando por un factor diferenciador e competitivo para este territorio como é a nosa potencia termal”. Baltar remarcou: “A  Xunta cumpre e a Deputación cumpre. Galicia e Ourense cumpren”, e anunciou que o vindeiro 15 de decembro, en Laias (Cenlle), constituirase o Consello Termal Ourensán, “onde estarán convidados a participar os distintos niveis territoriais de administración: Estado-Comunidade Autónoma e Provincia, ademais de concellos, universidade e empresa, para, entre todos, seguir creando riqueza termal para a nosa provincia”.

O plan que distingue a Ourense como a “Provincia Termal” foi presentado o pasado 4 de febreiro e dende entón Xunta e Deputación veñen traballando no desenvolvemento do mesmo, e a propia institución provincial ten incrementado como nunca fixera na súa historia os seus orzamentos en materia de termalismo ata chegar a incluír fondos propios por importe de 1,5 millóns de euros para 2015, precisamente, para a execución do dito Plan Termal -tal e como ditaminou o goberno provincial nos orzamentos aprobados en outubro-, unha cantidade que se completará co remanente de tesourería que terá a Deputación trala xestión orzamentaria deste ano 2014.

Manuel Baltar destacou que nesta andaina o goberno provincial “actúa con firmeza e determinación. Como cando, no deseño da súa estrutura orgánica, dispuxen que houbera un deputado encargado do termalismo. Tamén cando incluímos, por primeira vez nos orzamentos de 2013, unha partida específica con esa denominación (“termalismo”). Por suposto, na mesma liña, cando determinamos que a Área de Benestar fora a que executara as políticas neste eido ou cando sinalei ao Inorde como brazo materializador desta aposta irrenunciable. Decisións todas elas presentes no Plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa da Deputación”.

Asemade, Baltar salientou a importancia que o horizonte dos fondos comunitarios 2020 teñen para o desenvolvemento dos proxectos termais e doutras iniciativas para a provincia de Ourense. Neste senso, avanzou que na nova estratexia comunitaria “a Deputación presenta catro proxectos clave: “Ourense Competitividade”, “Ourense Provincia Intelixente”, a “Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente” e “Ourense Termal”. Os próximos días 1 e 2 de decembro terei a oportunidade en Bruxelas, no Comité das Rexións, no primeiro cumio de presidentes de gobernos locais intermedios de Europa, de poñer en valor este documento”.

“Sen dúbida –explicou o presidente provincial- o “Ourense Termal” é, dos catro proxectos europeos para o futuro desta provincia, o de maior importancia, o que precisa apoio total, que pido tamén ao presidente da Xunta, pois estamos a falar duns 100 millóns de euros que ben merecen a pena por representar o xiro cara unha provincia dinámica, xeradora de riqueza e de emprego”, e rematou anunciando que mañá mércores, en Outariz, asinará convenios de colaboración con alcaldes dos concellos nos que a Deputación de Ourense executa pequenas infraestruturas termais por un importe global de 300.000 euros.

Obxectivos do acordo

O acordo asinado hoxe entre Deputación de Ourense e Xunta de Galicia ten como obxectivo poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan á creación do destino “Ourense, Provincia Termal”. Os obxectivos específicos son: ter a sustentabilidade como criterio clave para acadar unha mellor calidade de vida, a recuperación e preservación dos recursos naturais, e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico; articular os recursos, servizos e a oferta termais como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores; e posicionar a Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal.

Alberto Núñez Feijoo destacou que o acordo “contempla cinco liñas estratéxicas de actuación no ámbito do termalismo como son: a planificación, as infraestruturas, os produtos termais, o coñecemento e a promoción, porque o termalismo é unha industria branca, non contaminante, que crea emprego e riqueza, e para a cal, a provincia de Ourense foi obsequiada cunha xeoloxía privilexiada e temos que valorizala como destino termal singular en Europa”.

O presidente da Xunta subliñou que con este acordo potenciaremos a riqueza termal da provincia de Ourense e as súas infraestruturas termais e turísticas, entre as que citou o Balneario de Cortegada, a oferta de aloxamento do Parador de Monterrei, a Ecovía de Verín-Fronteira portuguesa, a Vila Termal de Lobios ou o Programa de Trens Balnearios da Deputación de Ourense como reclamos e canles de promoción que valorizan un turismo de calidade na provincia de Ourense.

Tamén destacou Núñez Feijoo a importancia da implicación que as iniciativas empresariais están a ter no ámbito do termalismo en Galicia. “Nós seguiremos apoiando e seguiremos levando o turismo termal alí onde vaiamos porque é unha baza forte da promoción de Galicia”, e citou como exemplo a Termatalia que da man de Expourense recentemente celebrou esta feira termal en Arxentina, e avanzou novas fórmulas de promoción termal “como poden ser o enohidroturismo, o entroido termal ou o turismo corporativo (para empresas)”.

O acto, que tivo lugar no Balneario do Carballiño, contou coa presenza de representantes institucionais e sociais de Galicia e comezou coas palabras do alcalde do Carballiño e deputado provincial de Termalismo, Argimiro Marnotes, quen destacou que con este acordo “dáse un paso cualitativo para o desenvolvemento do termalismo e do turismo na nosa provincia”.