Cultura e Educación destina preto de 300.000 euros ás obras de acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de cóengos da Catedral de Ourense

O xerente do Xacobeo inaugurou a exposición belenística “Francisco. Estrela de Belén e Camiño” na Catedral de OurenseA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará preto de 300.000 euros ás obras de acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de cóengos da catedral de San Martiño de Ourense. A obra, cuxo contrato formaliza hoxe o Diario Oficial de Galicia, está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. A resolución pódese consultar no enlacehttp://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150526/AnuncioG0164-120515-0002_gl.html .

Cun prazo de execución de 5 meses os traballos consisten en demolicións, limpezas e retirada de materiais e obras existentes, desaxeitadas e que prexudican o estado de conservación do monumento. Ademais, restauraranse fábricas, canterías e cubertas; e eliminaranse humidades provocadas polo mal estado das instalacións. O obxectivo desta actuación é recuperar a vista da fachada sur da Catedral, nestes momentos parcialmente cuberta, co que se ennobrecerá a entrada ao Arquivo Catedralicio e ao edificio de Cóengos. Estes traballos servirán, así mesmo, para recuperar un espazo que podería destinarse no futuro á ampliación do museo do templo. Estas actuacións veñen a complementar as xa realizadas na limpeza, conservación e mellora das fábricas da fachada norte e da cabeceira da Catedral e ás que nos vindeiros meses tamén se estarán a desenvolver para a restauración da portada medieval e da fachada norte do cruceiro, na que se enmarca.

Máis de 1,8 millóns para a Catedral

As actuacións comprometidas e realizadas pola Consellería desde 2009 na Catedral de San Martiño de Ourense suman un investimento de máis de 1,8 millóns de euros, o que sitúa á Xunta de Galicia como a maior garante da conservación da Catedral de Ourense. Neste sentido cómpre lembrar que se contribuíu á restauración do órgano catedralicio, e que se realizaron obras de restauración das pinturas murais e retablo do muro sur do Nartex, do Pórtico do Paraíso, da pintura do muro norte do nártex, da Capela de San Xoán. Ademais, recentemente rematáronse as obras da segunda fase de reparación das cubertas deste templo da cidade das Burgas.

Así mesmo, o departamento dirixido por Román Rodríguez ten previsto realizar a devandita restauración da Portada Norte e da súa fachada, a reforma xeral do sistema eléctrico e substitución de luminarias, a recuperación das reixas da Capela Maior – obra de bronce ferro e madeira de Juan Bautista Celma (S. XVI)-, e a restauración da decoración románica da cabeceira -composta fundamentalmente por canzorros románicos-, un dos elementos máis antigos deste templo, dun valor artístico e cultural, así como con máis atractivo para os visitantes.

También te podría gustar...