Consello Europeo de Economía Sostible: Ourense, sede e provincia fundadora

  • Ourense será sede e provincia fundadora do Consello Europeo de Economía Sostible
  • A elección de Ourense para acoller esta sede europea é consecuencia directa da misión comercial USA, na que participou o presidente do Consello Americano de Negocios Sostibles (ASBC), David Levine, quen avaliou o compoñente medioambiental do goberno provincial
  • Manuel Baltar impulsa a creación desta asociación desde Ourense para Europa, logo de asinar con David Levine, presidente da ASBC, que engloba a 250.000 empresas USA, un acordo de colaboración para potenciar as políticas medioambientais nas empresas e administracións públicas europeas en cooperación co organismo norteamericano
  • O Consello Europeo de Economía Sostible permitirá a cidadáns, empresas e administracións da UE participar activamente nos ámbitos da «economía verde», favorecendo a posta en marcha de proxectos empresariais e sociais que avancen na cultura da sostibilidade

 

levinebaltar

 

Ourense será sede e provincia fundadora do Consello Europeo de Economía Sostible (European Sustainable Economy Council), unha asociación permitirá a cidadáns, empresas e administracións da Unión Europea ter unha maior fortaleza e presenza nas políticas medioambientais e participar activamente nos ámbitos da «economía verde», favorecendo a posta en marcha de proxectos empresariais e sociais que avancen na cultura da sostibilidade.

A elección de Ourense para acoller esta sede europea é consecuencia directa da misión comercial USA, na que participou o presidente do Consello Americano de Negocios sostibles (ASBC), David Levine, quen avaliou o compoñente medioambiental do goberno provincial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, está a impulsar a creación desta asociación -que tería a súa proxección desde Ourense cara aos países da Unión Europea-, logo de asinar no Pazo Provincial con David Levine, presidente da ASBC –organización que engloba a 250.000 empresas USA-, un acordo de colaboración para levar a cabo a creación do Consello Europeo de Economía Sostible e potenciar así as políticas medioambientais nas empresas e administracións públicas europeas en cooperación con este organismo norteamericano.

Esta alianza estratéxica que Baltar e Levine veñen de asinar como representantes da Deputación de Ourense e da ASBC permite sentar as bases da creación dunha asociación de carácter europeo en favor da sostibilidade que tería a súa sede en Ourense. Neste sentido, Manuel Baltar afirma que o gobernos «deben potenciar os motores social e empresarial da economía para que sexan axentes de recuperación e revitalización, e para que favorezan modelos económicos sostibles, porque estou convencido de que medio ambiente e competitividade non son opostos senón compatibles».

Días pasados, en Bruxelas, Manuel Baltar xa expresara na Semana Europea das Rexións e as Cidades a importancia «de ir cara á cultura global da sostiblidade», e avanzou que non descartaba «que o goberno provincial liderase en breve proxectos medioambientais de grande importancia». «As alianzas público-privadas son esenciais para o desenvolvemento sostible, e por elo, a prioridade medioambiental debe ser unha máxima dos nosos gobernos e un eixo de actuación central para que, xunto coas empresas e corporacións, poidamos xerar economías sostibles reais, competitivas e eficaces, para os cidadáns, para as empresas e para os lugares nos que vivimos», defende Baltar.

«Goberno verde»

O compromiso da Deputación de Ourense co desenvolvemento sostible é amplamente coñecido. Desde 2011 vén levando a cabo importantes iniciativas en materia de sostibilidade e «goberno verde», como as que se recollían no plan de mandato «Ourense 92»: a Rede de Municipios Ourensáns cara á Sostibilidade ou o Observatorio da Sostibilidade da Provincia de Ourense. A continuidade destas políticas referéndase no Plan «Ourense 15-19» con accións como a posta en marcha da Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente -que Manuel Baltar presentou ao comisario Europeo de Enerxía en Bruxelas-, ou iniciativas nos ámbitos da cooperación sostible, a transparencia e a participación cidadá.

Esta visión que defende Manuel Baltar tamén se viu reflectida na recente Misión Comercial USA, que incluía nos seus eixes estratéxicos a sostibilidade e o medio ambiente, motivo polo cal visitou Ourense o presidente da American Sustainable Business Council, David Levine, quen coñeceu de primeira man as políticas medioambientais que impulsa Manuel Baltar e que desenvolve a Deputación de Ourense, aplicando a innovación tecnolóxica e tendo como obxectivo a mellora dos servizos no territorio provincial independentemente de onde residan os cidadáns. Esta prioridade e impulso polos «proxectos verdes» fixo que David Levine considerase á provincia de Ourense como un territorio propicio e un modelo a imitar en Europa no que atinxe a desenvolvemento de políticas sostibles.

Precisamente, esta é a finalidade da asociación que preside en Estados Unidos, fundada en 2009 e que hoxe reúne a máis de 250.000 empresas e 325.000 executivos, investidores e mesmo cidadáns, cuxas expectativas xiran en torno ao deseño de programas que sensibilizan e informan á sociedade e aos responsables públicos sobre os beneficios dunha economía máis sostible e sobre políticas e prácticas que contribúen a acadar este obxectivo. «Para lograr ese equilibrio –explica David Levine- hai que conseguir reestruturar o sistema económico, pois o desenvolvemento sostible da economía é compatible coa prosperidade compartida, coa protección do medio ambiente e coa xustiza social, e para iso a implicación conxunta das administracións e do ámbito empresarial é fundamental».

Levine avoga por unha maior presenza nos medios de comunicación dos líderes empresariais «para que inclúan nas súas axendas máis temas baseados nos principios de sostibilidade. Nós, desde a ASBC, traballamos na construción de modelos colaborativos e que xeren situacións «win-win», e neste sentido, nos últimos anos temos propiciado acordos de colaboración entre administracións públicas, organizacións empresariais e líderes de diferentes países do mundo».

David Levine traballou durante máis de trinta anos como emprendedor social e antes de asumir a dirección da ASBC foi director de Educación Continua e Programas Públicos no Centro de Posgraos da Universidade de Nova York.