Conde salienta o proxecto eHeart como exemplo da capacidade da innovación galega para salvar vidas a través das TIC

image_gallery (2)O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou onte ao proxecto eHeart, desenvolvido no marco do programa da Xunta Conecta Pemes, como exemplo da capacidade da innovación galega para salvar vidas a través das TICs. A iniciativa vén de sumar os esforzos das empresas Conexiona Telecom, Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom, o apoio tecnolóxico de Gradiant, e o apoio científico da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña, para poñer freo a unha das principais causas de morte no mundo, as enfermidades cardiovasculares.

Durante una visita ao Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, onde ten a súa sede a empresa líder do proxecto (Conexiona Telecom), Conde resaltou que esta iniciativa, que suma 700.000 euros, facilita a detección precoz e en tempo real da fibrilación auricular, permitindo salvar vidas ao actuar rapidamente ante os primeiros signos de alarma. Se trata, sinalou Conde, dun sistema simple, cómodo, pequeno e non intrusivo, que ten un gran potencial no eido médico.

O conselleiro subliñou ademais que a posta en marcha do proxecto levou aparellado 20 empregos moi cualificados, e que o éxito da iniciativa permitirá aos seus participantes competir no mercado nacional e internacional cunha tecnoloxía desenvolvida en Galicia. “Todos eles, da man da Xunta, teñen acadado un avance económico, e, o máis importante, un avance médico que leva o selo inconfundible do mellor talento galego”, dixo.

O mes pasado coñecemos o ranking autonómico de empresas innovadoras do Ministerio de Economía e Competitividade, que colocaba a Galicia como a sexta comunidade autónoma de España con máis empresas innovadoras.

Conde puxo as compañías que forman parte do consorcio eHeart como exemplo do crecente número de empresas innovadoras galegas. Neste senso, resaltou que hoxe son máis de 830 compañías as que innovan en Galicia, de acordo cos datos do Ministerio de Economía e Competitividade, “un número que é resultado dunha convicción que todos nós compartimos. Só apostando pola I+D+i xeramos mellores empregos, e somos quén de competir nun mercado global”.

Nese eido innovador, Conde salientou o papel das TIC como elemento transversal que está a funcionar como “ponte cara o futuro dos nosos sectores estratéxicos, sendo o corazón dos novos procesos e produtos da automoción, do naval, do agro, e, por suposto, da saúde”. Neste senso, resaltou que o potencial das TIC neste último eido entronca directamente coas prioridades da innovación galega ata 2020 marcadas na Estratexia de Especialización Intelixente, que focalizará unha parte importante do investimento na busca dun novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo.

Un reto, a saúde, no que a Xunta está a traballar a través dos programas de Unidades Mixtas, Innterconecta e Conecta Pemes, cos que o Goberno galego está a desenvolver na actualidade 20 proxectos de innovación de alto impacto no ámbito da saúde que xeran investimentos de preto de 32 millóns de euros. No caso do Conecta Pemes no que se enmarca a iniciativa eHeart, Conde subliñou que grazas ao programa se teñen posto en marcha nos últimos dous anos 60 proxectos que “están a cambiar Galicia, facéndoa máis atractiva para investigar e innovar, e impulsando a cooperación, a competitividade e o emprego das nosas empresas”.