xunta-de-galicia-300x135

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o Centro de Control Integrado de Velle, en Ourense, como o corazón intelixente de todos os activos hidráulicos de Fenosa. Durante unha visita acompañado por responsables de Gas Natural Unión Fenosa ás instalacións –que entrarán en servizo no segundo semestre deste ano-, Conde salientou que esta infraestrutura é pioneira no mundo, unificando por primeira vez a telexestión e explotación de todas as centrais hidráulicas dun país.
Conde resaltou que o proxecto simboliza “a vinculación de Fenosa con Galicia”, así como o seu compromiso coas renovables e coa innovación. Neste senso, esa aposta pola innovación traduciuse en Velle nunha avanzada tecnoloxía que permite operar e controlar a distancia operacións enerxéticas en todo o mundo grazas a 5,5 millóns de euros de investimento. “Un proxecto pioneiro e innovador que vai a situar a Ourense e a Galicia no corazón dixital de toda a xestión das enerxías hidráulicas de Fenosa”, incidiu.

Con esas ferramentas, sinalou o conselleiro, o Centro de Control Integrado xestionará nun primeiro momento 50 infraestruturas hidráulicas en España, co apoio doutro centro en Tecnópole e con vocación de xestionar todos os activos a nivel mundial a curto prazo, funcións que converten a Ourense nunha peza clave para o futuro de Fenosa.

A iniciativa responde ao traballo conxunto para o desenvolvemento das enerxías renovables entre Xunta e Fenosa, que ten suposto xa aglutinar na Coruña todos os activos hidráulicos da compañía a nivel mundial, así como a creación en Vigo do Centro Internacional de Excelencia Hidráulico como vangarda de I+D+i no sector. “Un paso adiante para Ourense e para Galicia”, dixo Conde, “que permitirá que Galicia siga a liderar o eido da enerxía hidráulica en España”. Neste senso, o conselleiro resaltou que grazas ao compromiso do Goberno galego coas renovables, e ao apoio de empresas como Fenosa nesa visión, hoxe Galicia é líder nacional na produción de electricidade mediante hidráulica, co 25% de toda produción de España.