COGAMI remata a campaña 12 Chaves da Inclusión

  • Reclamando a afectividade dos dereitos que lles pertencen ás persoas con discapacidade
  • Durante 2020, COGAMI dedicou cada mes do ano a un dereito fundamental e de obrigado cumprimento pero, no caso das persoas con discapacidade, non se cumpren
  • Dende COGAMI solicitan un compromiso por parte das Administracións para promover e garantir o cumprimento das leis da discapacidade

 

Decembro é o mes dedicado á discapacidade por ser o día 3 o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Este mes tamén é o elixido por COGAMI para facer un chamamento a toda a sociedade e ás administracións sobre a desigualdade coa que convive cada día o grupo social das persoas con discapacidade, que atopa maiores complicacións para exercer os seus dereitos.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade traballa para que todas as persoas que representa poidan exercer os seus dereitos en igualdade de oportunidades, pero, segundo se puido apreciar durante a campaña 12 Chaves da Inclusión lanzada este ano por COGAMI co gallo do 30 Aniversario, a discriminación das persoas con discapacidade segue presente en todos os ámbitos: laboral, educativo, social, sanitario, xudicial, lexislativo, etc. “Se ben melloramos en moitos aspectos, aínda queda moito para poder vivir en igualdade de oportunidades e non discriminación”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

E para poder exercer os seus dereitos, dende COGAMI reclámase a necesidade, por parte da Administración, de axilizar os procedementos que valoran o grao de discapacidade, xa que o seu retraso impide acceder aos recursos, sobre todo ás persoas con discapacidade orgánica, prexudicadas pola existencia do actual baremo de valoración que precisa unha actualización inmediata.

A día de hoxe o acceso á xustiza é discriminatorio para as persoas con discapacidade ao carecer de procedementos adaptados ás capacidades de cada persoa, co que ocasiona unha situación de indefensión e obstaculización no acceso efectivo á xustiza.

Malia a recente modificación legal que reintegra o dereito de sufraxio activo a todas as persoas que xudicialmente lles fora privado, o dereito ao voto segue a ter obstáculos para poder exercelo, sendo un deles a falta de accesibilidade nos locais electorais, a falta de transporte público adaptado para desprazarse ata a mesa electoral ou a reserva de espazos que permitan o segredo do voto.

COGAMI e as súas 55 entidades membro traballan polo cumprimento da lexislación, asesorando ás persoas con discapacidade e denunciando cando estes dereitos son vulnerados. Onde se detectan maiores problemas de inclusión é dentro do grupo de persoas maiores de 45 anos, máis aínda nas mulleres que viven no rural, onde a oferta de servizos é menor, existen máis problemas de accesibilidade pola súa dispersión xeográfica.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “falta un compromiso firme por parte das administracións, de todas elas, para que as leis sexan contundentes, para que exista un compromiso por facer inspeccións unidas a un réxime de sancións cando existan infraccións”. Dende a Organización pídese que se garantan  mecanismos sólidos e eficaces de vixilancia dos dereitos, para que non sigan producíndose discriminacións por razón de discapacidade.

Campaña 12 Chaves da Inclusión: dereitos

COGAMI remata a campaña lanzada este ano 2020 co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria. Denominada 12 Chaves da Inclusión, esta campaña pretende sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas coa difusión de 12 pezas audiovisuais difundidas en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI.

Cada peza refírese a un dereito: a primeira foi educación inclusiva; febreiro centrouse na autonomía persoal; marzo nos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade; abril na saúde; maio no emprego; xuño estivo dedicado á economía social; xullo á accesibilidade; agosto ao voluntariado e setembro turismo, lecer e deporte; en outubro falouse do movemento asociativo; novembro infancia e xuventude, para rematar decembro recordando os dereitos.

 

También te podría gustar...