Obradoiro Xinzo

 

Un total de 20 persoas desempregadas recibiron hoxe de mans do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, os diplomas que acreditan a súa participación no obradoiro de emprego “Xinzo e Baltar polo emprego” que agrupa a estes dous concellos ourensáns. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 5 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Traballo e Benestar de máis de 177.500 euros.

Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, participou no acto de clausura deste obradoiro que tamén contou coa presenza do alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, e do rexedor de Baltar, José Antonio Feijóo.

O delegado territorial, na súa intervención, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.

Martínez lembrou que os alumnos reciben hoxe os seus certificados de profesionalidade, que teñen validez en todo o territorio nacional. Estes documentos demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai “incrementar moi significativamente a empregabilidade do alumnado”.

Os 12 alumnos que elixiron o módulo de albanelería e os 8 que optaron pola disciplina de xardinería realizaron en Baltar traballos de recuperación da casa do Boi en Sabucedo e a pavimentación das rúas Boullosa e San Paio; amais de axardinar as contornas da casa consistorial, colexio público e centro de día. No concello de Xinzo de Limia rehabilitaron o centro social da Gorgoloza, na parroquia de Ganade, e construíron a beirarúa na rúa Padre Feijóo. Tamén acondicionaron os parques da alameda do Toural, Devesa, Pombal, Seara, Ponte da Limia, Galicia, Antioquía e Telleira; e recuperaron os espazos verdes do Parque Empresarial.