• O sindicato sinálalle á Xunta que a natalidade se fomenta con axudas públicas que lles permitan ás mulleres a conciliación da vida persoal, familiar e laboral

399059_480303308659990_1517154830_n

O sector da Administración autonómica de CCOO de Galicia acusa a Consellaría de Traballo e Benestar de utilizar a crise demográfica para xustificar a privatización de escolas infantís. O sindicato considera que a Xunta «fai demagoxia» con esta cuestión e sinala que a natalidade se fomenta con axudas públicas que lles permitan ás mulleres a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como por exemplo a redución de xornada sen perda salarial, a construción de máis escolas infantís nas grandes vilas ou o fomento efectivo de contratación de mulleres embarazadas, entre outras posibilidades.

Pola contra, CCOO considera que son medidas contrarias ao fomento da natalidade a suba de prezos das escolas infantís públicas —equiparándoas coas tarifas das escolas privadas, subvencionadas—. Así, dun curso a outro, algúns pais e nais tiveron que pagar unha suba de máis de cen euros na cota, situación que se produce ao tempo que hai centros públicos «abandonados ou con falta de materiais e recursos para traballar».

Esta política «de abandono e desprestixio» dos centros públicos propios agocha, para CCOO, «a intención inequívoca de privatizar este servizo». Desta maneira, para «xustificar» o cambio ao modelo de concertos coa empresa privada, utilízase o «argumento tramposo» de que hai demanda de prazas que non se cobren coa oferta pública. A realidade é, segundo Comisións, que hai prazas vacantes sen cubrir «polos prezos abusivos», pero tamén «porque os horarios non están axustados ás necesidades dos pais e das nais, ou polas malas condicións en que se atopan as instalacións ou pola falta de materiais didácticos».