Bóveda: Orzamentos 2021, ascenden a 1.426.031 euros

  • O Concello de Bóveda subvencionará o 100% das licenzas de obra das vivendas unifamiliares
  • Poderán acollerse a estas axudas os veciños e veciñas que queiran rehabilitar, reconstruír ou facer obra nova
  • O Goberno local aprobou os Presupostos para 2021, que ascenden a 1.426.031 euros e nos que priman o gasto social e os investimentos reais
Licenzas

O Goberno local do Concello de Bóveda acordou incluír unha partida nos Orzamentos de 2021 para subvencionar o 100% das licenzas de obra das vivendas unifamiliares da localidade. En concreto, subvencionarase o 100% sobre o imposto de construción para a rehabilitación interior e exterior, reconstrución ou construción de obra nova das vivendas unifamiliares.

Esta medida será efectiva unha vez que entren en vigor os Orzamentos municipais de 2021 e terá carácter retroactivo, de maneira que se poderán beneficiar dela todo os veciños e veciñas que pagaran o imposto de construción desde o día 1 de xaneiro deste ano e estará vixente ao longo de todo o ano 2021.

Tal e como explica o rexedor, José Manuel Arias, o que se pretende é

investir en fixar poboación e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas a través de distintas intervencións nas súas vivendas.

 

Un obxectivo compartido co proxecto HolaPueblo, do que forma parte o Concello de Bóveda e co que o Goberno local espera atraer investimentos ao rural mediante a captación de novos emprendedores.

Para poder facer fronte a estas axudas o Goberno local destina unha partida inicial nas contas deste ano, que ampliará con remanentes de ser necesario.

O Concello de Bóveda concedeu o pasado ano arredor de 20 licenzas deste tipo, principalmente para cambios nas cubertas das vivendas, polas que ingresou unha taxa dun 2,5 en concepto de imposto de construción.  

Aprobación dos presupostos de 2021

O Concello de Bóveda aprobou  en Pleno os Orzamentos para o 2021, que ascenden a 1.426.031 euros e nos que priman o gasto social e os investimentos reais. As contas contaron cos votos a favor do equipo de Goberno, do PP, e a abstención do PSOE. Entre os principais proxectos atópanse fondos propios para o IDAE, para seguir avanzando no cambio de luminarias LED na Avenida San Vicente de Ver, no Parque Empresarial, na Avenida Alfonso XIII, na Avenida de Galicia e na Avenida de Santiago, entre outros lugares.

Entre as partidas máis relevantes atópase a que se vai destinar a gasto social, 292.450 euros, cos que seguir estando ao lado das persoas axudándolles naquilo que precisen e tendo en conta as necesidades especiais que xurdiron coa pandemia.

Entre os proxectos que recollen as contas atópase tamén a construción dunha nave para albergar o viveiro de empresas, á que o Goberno local destina 65.000 euros; a pasarela da contorna do Río Mao, a compra dun vehículo eléctrico ou os 30.000 euros que van destinar a mellorar o firme das estradas naqueles puntos onde se atopa máis deteriorado.

 

O Goberno local destaca tamén as subvencións para a gardería, para asociacións e clubs de fútbol, así como a partida destinada a un novo obradoiro de emprego, a achega ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a participación no proxecto empresarial Semente Ribeira Sacra, entre outros.

A Corporación acordou ademais no Pleno modificar a ordenanza fiscal que regula a taxa sobre a expedición de documentos, de maneira que se baixa para a maior parte deles e nalgún caso incluso se retira.

También te podría gustar...