Benestar destina preto de 140.000 euros para o tratamento terapéutico de máis de 160 menores en situación de desamparo

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Consellería de Traballo e Benestar destina este ano máis de 137.000 euros para o financiamento do programa de ‘Avaliación e tratamento terapéutico de menores en situación de risco ou desamparo’, un 14% máis que en 2014, a través dun convenio de colaboración coa Fundación Universidade da Coruña. Esta iniciativa está a beneficiar a máis de 160 mozos e mozas.

Este programa, que se está a desenvolver desde 2012 na Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) da Universidade da Coruña, diríxese aos nenos e nenas e adolescentes con expediente aberto nos servizos de protección (menores en garda ou tutelados, incluíndo menores infractores que cumpran medidas xudiciais) das catro provincias galegas.

En concreto, os menores amosan desaxustes emocionais-conductuais severos orixinados ou relacionados coa situación de desprotección que sufriron, coa medida de separación da súa familia ou coa existencia de dificultades severas ou cronificadas na convivencia dentro da súa familia de orixe.

Tamén poden ser beneficiarios a familia biolóxica ou acolledora do menor e os profesionais que se ocupan del (educadores, traballadores sociais e outros profesionais dos centros de acollemento residencial ou centros de día), que teñen unha relación de coidado e que compoñen o entorno afectivo do menor, en tanto que configuran o seu sistema de referencia.

O programa inclúe o deseño e aplicación do tratamento terapéutico dos menores, o seguimento e avaliación científica dos resultados e o asesoramento aos coidadores (tanto membros da familia como profesionais dos centros), incluíndo un dispositivo específico para a atención inmediata en caso de crise. Así mesmo, conta con asesoramento e atención telefónica para aos centros de menores antes situacións de crises dos menores.

A demanda de derivación de casos ao programa estase a incrementar cada ano, desde os 140 que participaron en 2012, debido aos bos resultados que está obtendo. Neste sentido, ao redor do 60% dos casos finalizados péchanse por conseguir de forma plena e satisfactoria os obxectivos marcados ao inicio do tratamento.