Balance da XXII Mostra do Aceite de Quiroga

 

Novo éxito este domingo 29 de maio para o Aceite de Quiroga no lugar das Farrapas en Bendilló. A XXII Mostra do Aceite de Quiroga, que conta dende o ano 2014 co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia, foi unha vez máis unha festa etnográfica onde a moenda tradicional do aceite dentro do muíño tivo especial protagonismo.

A posta en funcionamento do muíño, coa demostración da elaboración tradicional do aceite foi o acto que abría o programa dunha xornada na que os visitantes volveron disfrutar desta recreación que segue sorprendendo a todos os que se achegan ata este muíño.

Para facilitar que as numerosas persoas que cada ano se achegan ata esta zona poidan ver o proceso de elaboración tradicional do aceite, dado o número reducido de aforo do propio muíño, na capela das Farrapas proxectábase un vídeo no que se pode ver como é este proceso.

Como novidade desta edición, a mostra contaba cunha inauguración oficial. Os encargados do simbólico corte de cinta foron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o Presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé. Tanto Nava Castro como José Tomé coincidiron en que é preciso apoiar este tipo de festas; no caso da directora de turismo porque axudan moito a que calquera persoa que se achegue a Galicia tamén visite Quiroga e no caso do presidente da Deputación porque axudan a que non se perda poboación no rural.

Na mostra, o AOVE (Aceite de Oliva Virxe Extra) foi o protagonista. Durante toda a mañá estivo á venda no recinto feiral o aceite elaborado por cinco olivicultores do municipio: José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Manuel Mondelo Rodríguez e Pedro Soto Losada. Todos eles coincidiron en que as ventas foron moi boas, tamén en que os anos de pandemia fixeron que se perdera un pouco a afluencia a esta mostra, pero que a xente que acude vén coa intención de mercar aceite.

Outro punto no que tamén coincidiron é na importancia de que se recoñeza oficialmente o Aceite de Quiroga buscando unha protección europea ben sexa a través dunha Indicación Xeográfica Protexida ou a través dunha Denominación de Orixe. Nesta distinción é na que se está traballando en Quiroga dende hai anos e que agora AGACAL, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, asumiu o compromiso de axudar como anunciou o seu director José Luís Cabarcos.

Como complemento ao aceite no recinto feiral tamén se puxeron á venda produtos típicos da comarca e púidose degustar polbo e churrasco. Tampouco faltou a música tradicional, neste caso a cargo do grupo de gaitas O Recanto.

Rematada a Mostra, o Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, facía unha valoración positiva do evento de exaltación do aceite local, tanto polas vendas como pola promoción e pola ampla representación institucional.

También te podría gustar...