Axudas para o fomento da silvicultura

  • O DOG publicou onte a resolución das axudas para o fomento da silvicultura das que se beneficiarán case medio millar de galegos
  • Estes fondos permitirán xestionar algo máis de 6.700 hectáreas de monte a través de prácticas preventivas e apoiarán tamén plantacións de árbores directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos nosos bosques

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a resolución da Consellería do Medio Rural das axudas concedidas e desestimadas ao abeiro da convocatoria de achegas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural. En total, 444 galegos se viron beneficiados destas axudas, por un importe total de 12.063.534,35 euros.

Estes fondos permitirán xestionar algo máis de 6.700 hectáreas de monte a través de prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, tales como rozas, clareos, claras e podas. Estas actuacións permitirán crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal, así como un control selectivo de combustible, o cal redunda na prevención de incendios forestais.

Esta liña de actuación tamén permitirá levar a cabo plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques. Deste xeito, foméntase a competitividade do sector forestal, garantindo unha xestión sostible dos recursos naturais á vez que se consolidan os bosques de frondosas caducifolias e sobreiras. A Xunta pretende desta forma lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego a través da propia silvicultura.

Os beneficiarios destas axudas son persoas físicas ou xurídicas titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto a propietarios como arrendatarios ou xestores. Deles, a meirande parte son da provincia de Ourense, con 137 expedientes aprobados, seguidos pola de Lugo con 136, Pontevedra con 133 e A Coruña con 38.

 

 

También te podría gustar...