Axudas para apoiar as exportacións das pemes galegas

  • O DOG publicou onte as bases reguladoras do Plan Foexga para apoiar as exportacións das pemes galegas
  • A iniciativa, en colaboración coas cámaras de comercio galegas, apoiará entre 2016 e 2017 misións comerciais directas, a participación en feiras internacionais e a acollida de empresarios que visitan Galicia con interese comercial
  • As empresas poderán contar con apoios para acceder a 57 mercados internacionais prioritarios para Galicia a través das misións comerciais programadas polas Cámaras de Comercio adheridas ao plan

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia publicou onte a nova convocatoria do plan de actuación das Cámaras de Comercio para o Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), coordinado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, que achegará 1,5 millóns para apoiar misións comerciais directas e a participación en feiras internacionais, así como a acollida de empresarios que visitan Galicia con interese comercial.

A través das Cámaras de Comercio galegas participantes, que organizarán e convocarán no seu momento as misións internacionais, o Plan Foexga poderá facilitar a posta en marcha de preto de medio cento de iniciativas para favorecer o crecemento das exportacións e a apertura das pequenas e medianas empresas a mercados internacionais.

Segundo recolle o DOG, entre os obxectivos do Plan Foexga están fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, aumentar a base de empresas exportadoras e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións. Poderán acollerse ao Plan Foexga as pemes con algún centro de traballo na comunidade autónoma e que conten con informe positivo do Igape sobre o seu potencial de internacionalización.

O Foexga conta este ano con 57 mercados prioritarios nos que se centrarán as misións organizadas polas Cámaras: Alemaña, Angola, Alxeria, A Arxentina, Australia, Acerbaixán, Bélxica, O Brasil, Bulgaria, Canadá, Chile, A China, Colombia, O Congo, Corea do Sur, Costa de Marfil, Costa Rica, Cuba, O Salvador, Os Emiratos Árabes, Eslovaquia, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Ghana, Guatemala, Guinea Ecuatorial, Honduras, A India, Italia, Irán, Cazaxistán, Luxemburgo, Malaisia, Marrocos, México, Nixeria, Nova Zelandia, Os Países Baixos, Panamá, O Paraguai, O Perú, Polonia, Portugal, Porto Rico, Qatar, O Reino Unido, Chequia, A República Dominicana, Romanía, Rusia, Suíza, Taiwán, O Uruguai, Uzbequistán, Vietnam e O Xapón.

O plan Foexga complementa o marco de servizos e axudas a disposición das empresas galegas para facilitar o incremento das exportacións galegas no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

También te podría gustar...