• Co fin de promover a actividade turística, Turismo de Galicia distribúe estas autorizacións entre os establecementos hostaleiros galegos do medio rural
  • Os permisos de pesca distribúense entre os cotos de Sinde, Ximonde e Santeles, no río Ulla; Deza, nos ríos Ulla e Deza; A Veiga, no río Xares; San Tirso L2-Estreitos e San Tirso L3-Estreitos, no río Eo; e Monteporreiro, no río Lérez
Río Xares na Veiga

Río Xares na Veiga

 

Turismo de Galicia vén de outorgar os permisos de pesca fluvial segundo a reserva coa que conta a Administración turística galega ao obxecto de fomentar o turismo de natureza, en aplicación do previsto no Regulamento de ordenación da pesca fluvial en Galicia, publicado mediante o Decreto 130/1997.

Este ano, segundo a norma do departamento de medio ambiente da Xunta, Turismo de Galicia contou con 248 permisos de pesca fluvial para distribuír entre os establecementos hostaleiros rurais –casas rurais e hoteis das categorías rústico, de natureza e de montaña- interesados en contar con algunha destas autorizacións.

Deste xeito, os permisos de pesca distribuiranse para a próxima tempada de pesca entre once aloxamentos rurais e oito cotos de pesca (Sinde, Ximonde, Santeles, Deza, A Veiga, San Tirso L2-Estreitos, San Tirso L3-Louredal e Monteporreiro) situados nos ríos Ulla, Deza, Xares, Eo e Lérez.

Distribución dos permisos De acordo coas solicitudes recibidas por Turismo de Galicia, logo da consulta previa realizada por este departamento da Xunta entre os establecementos turísticos rurais situados nos concellos nos que están radicados os anteditos cotos sobre o interese destes por contar con autorizacións pesqueiras para o ano 2016, puidéronse outorgar directamente as autorizacións para os ríos Deza, Xares, Eo e Lérez, mentres que nos cotos do río Ulla fíxose preciso un sorteo de autorizacións entre os aloxamentos demandantes, ao ser este ano maior a demanda que a oferta .

Deste xeito, no coto Deza, Casa San Ginés e Casa Gorís contarán con 32 e 38 permisos de pesca respectivamente para a tempada de pesca fluvial de 2016.

No río Xares, no coto da Veiga, as casas Árbores de Lenda e A Aira da Petada, contarán con 16 e 36 autorizacións pesqueiras en 2016 respectivamente.

A casa Finca O Bizarro poderá dispoñer de 12 autorizacións para pesca fluvial no coto de San Tirso L2-Estreitos e 16 no coto de San Tirso L3-Louredal.

No caso do río Lérez, no coto de Monteporreiro, o establecemento Casa Bravo poderá contar con 19 autorizacións pesqueiras para a tempada de 2016.

Polo que respecta aos cotos do río Ulla, e logo do sorteo celebrado en Turismo de Galicia en presenza dos representantes das casas de turismo rural interesadas en contar con autorizacións pesqueiras para a tempada 2016, a Casa da Botica contará con 6 autorizacións no coto de Sinde, 6 no de Ximonde e 13 no de Santelles; Torres de Moreda disporá de 5 permisos no coto de Sinde, 7 no de Ximonde e 13 no de Santelles; Casa Marcelo, pola súa parte, contará con 6 autorizacións pesqueiras no coto de Sinde; o establecemento Casa da Meixida terá 4 permisos no coto de Sinde, e Casa Suárez, 7 permisos no coto de Ximonde e 12 no de Santeles.