Artesanía Enxebre, o proxecto de Sarah e Lalo que tirou para adiante en plena pandemia

Artesanía Enxebre é un tándem que compoñen Sarah, unha galega-australiana nacida en Geelong, Melbourne, e Lalo, de Ourense capital.

Cando tiñan as cartas de artesáns na man chegou a pandemia. Tiveron dúbidas de como afrontar a situación pero decidiron tirar para adiante.

 

Unha anécdota que nos fixo moitísima ilusión foi cando Carlos Blanco nos mandou unhas fotos lucindo unha da nosas “Paxarelas” que lle fixemos chegar para o seu cumpreanos”.

Coñecemos Artesanía Enxebre grazas a Facebook, rede social na que teñen unha páxina onde comparten contidos moi atractivos relacionados coa súa actividade e cos traballos de artesanía que elaboran.

Sarah e Lalo son os creadores deste proxecto. Ela, unha galega que chegou de Australia con 6 anos, país onde emigraron os seus avós de Viloira; el un rapaz de Ourense capital. Cóntanos que no ano 2016 empezaron a restaurar mobles para eles e para a familia e como quen non quere a cousa a xente empezou a facerlle encargos.

Dinnos que non teñen ningún artesán recoñecido na familia, “somos xente apañada que aprendemos un oficio dende cero”, pero afirman ter xa dende pequenos unha visión e vena creativa á que lle foron dando saída dende hai uns anos. Á vista está cos traballos que fan no seu obradoiro de Viloira, a carón da Casa Grande no Barco de Valdeorras.

Pero para coñecer máis detalles desta fermosa historia, falamos con Sarah.

 

Como e cando nace ‘Artesanía Enxebre’?

Artesanía Enxebre nace das nosas inquietudes. Viñeron malos tempos nos que os dous nos quedamos sen traballo, e a miña avoa, para axudarnos, deunos as chaves dun vello garaxe que tiña, coa intención de vender algúns “trastos” e así axudarnos a chegar a fin de mes. A nosa sorpresa foi cando atopamos algunhas máquinas australianas de bricolaxe –novas,sen estrear– e para nós iso foi un sinal. Como xa de antes éramos bastante apañados, decidimos argallar un pouco e facer algún moble para nós e algunhas cousiñas para a familia, amigas e amigos. Comezamos a subir as cousiñas que facíamos ás redes sociais, e ao ver a boa aceptación que tiñan decidimos seguir medrando como artesáns.

 

Viñeron malos tempos nos que os dous nos quedamos sen traballo…

 

Apostastes por este proxecto ao cento por cento ou compaxinádelo con outras dedicacións profesionais?

A día de hoxe xa é un proxecto ao cen por cen, aínda que cando chega a época de vendimas tamén imos dobrar o lombo un pouco (ri).

 

Centrados na madeira e a resina ou xa empregades outros materiais para as vosas creacións?

Centrados basicamente na madeira, a resina é un pequeno acompañamento que metemos nalgunhas pezas, pero todo depende do que queira o cliente. Agora andamos argallando algunha peza de madeira que inclúa tamén algo de pizarra de Valdeorras.

 

Que madeiras son as que máis empregades?

O que máis,o que nos dan as veciñas e os veciños das súas podas, temos cereixo, algo de nogueira e oliveira, freixo, castiñeiro … e cando alguén nos pide algo grande de madeira de piñeiro sempre acudimos aos aserradeiros ou carpinterías locais para conseguir as táboas ou taboleiros.

 

Supoñemos que combinades creacións propias con encargos personalizados. Contádenos como facedes.

Si, claro. Cando non estamos traballando cos encargos personalizados sempre andamos dándolle á cabeciña creando pezas novas. En moitas ocasións, a propia forma da pola ou tronco xa che “di” o que quere que fagas con ela, e outras veces son ideas que nos da a xente.

 

Formamos unha combinación perfecta: eu son a Artesanía e Lalo é o Enxebre

 

Nótase que sodes moi creativos, que vos inspira para alcanzar ese ‘estilo propio’?

Que alago! Non che sei!. Dende pequena sempre tiven esa inquietude artística de querer facer cousas, cousas grandes e diferentes, e como parella creo que formamos unha combinación perfecta: eu son a Artesanía e Lalo é o Enxebre. Se un de nós falta, perderíase esa esencia (ri).

 

Se tiverades que escoller 5 produtos vosos que destaquen pola demanda que teñen, cales serían?

As lámpadas sobre todo. son un dos nosos produtos máis fortes, as táboas curvas Montessori, as paxarelas, as táboas de corte e os marcos con botóns de resina.

 

Algún encargo imposible ou case imposible que tiverades?

Encántannos os retos e que poñan a proba as nosas habilidades. O máis difícil ata o momento foi un moble empotrado nunha parede de pedra que fixemos para Casa Agenor hai uns anos. Imposible non foi, pero encaixalo todo foi complicado.

 

Algunha anécdota que queirades contar destes anos de traballo e de encargos? 

Unha anécdota que nos fixo moitísima ilusión foi cando Carlos Blanco nos mandou unhas fotos lucindo unha da nosas “Paxarelas” que lle fixemos chegar para o seu cumpreanos. Luciuno nas festas de San Xulián, patrón da Illa de Arousa, inda temos un pequeno vídeo del que gardamos como trofeo.

 

Unha anécdota que nos fixo moitísima ilusión foi cando Carlos Blanco nos mandou unhas fotos lucindo unha da nosas “Paxarelas” que lle fixemos chegar para o seu cumpreanos

 

Cónstanos que lle fixestes un traballo personalizado á xogadora de baloncesto Laia Palau. Contádenos.

Si! Foi un encargo moi especial que nos fixo un seguidor de Laia. Non se perde ningún partido, tenlle moito aprecio e quería facerlle unha homenaxe para mostrarlle o seu apoio. Comezounos a falar dela e que quería transferir a súa imaxe á madeira pero non sabía moi ben como. A súa idea era plasmar unha mostra de agarimo que reflectise apoio a ela e a súa carreira, e sen dúbida decidimos facer un pirogravado a man. Foi todo un acerto e alegrounos moito saber que llo puido entregar e de que lle gustara.

 

Cónstanos que xa tedes rexistrado o Obradoiro na Fundación de Artesanía de Galicia. Un paso máis para consolidar o proxecto?

Si. En realidade era unha das nosas primeiras metas. Temos moitas máis, pero non chos podemos contar que se non non se se cumpren (ri).

 

Ao non ter unha tenda física, manter actualizadas as redes sociais convértese no 50% do traballo

 

Traballades moito as redes sociais. Fundamental ‘venderse ben’ nestes escaparates?

Dende logo, ao non ter unha tenda física, manter actualizadas as redes sociais convértese no 50% do traballo. Tes que amosar as túas creacións ao mundo dunha maneira que reflictan quen es e o que fas, sen filtros. Entre curso e curso seguimos aprendendo e aínda así quédanos moooito que percorrer.

 

Que é o que máis vos gusta do voso oficio?

Ter a oportunidade de traballar coa persoa que amas e coa que compartes vida é unha das cousas que máis nos gusta. Ver a cara de ledicia da xentiña cando recollen os seus encargos, saber que lles gusta e que volven é unha das cousas máis gratificantes. Grazas á xentiña, temos a oportunidade de ver como medran os nosos soños.

 

Ver a cara de ledicia da xentiña cando recollen os seus encargos, saber que lles gusta e que volven é unha das cousas máis gratificantes

 

Tempo de pandemia. Que fixestes para aguantar e seguir adiante?

Pois a pandemia botounos moito para atrás. Xusto nos chegaron as cartas de artesáns a comezos de marzo de 2020 e xa nos íamos lanzar ao mercado, pero a pandemia freou as nosas ilusións e decidimos pensar un pouco máis en como íamos afrontar toda a situación. Para finais de ano, non aturabamos máis, tivémonos que lanzar en plena pandemia, e que fose o que fora.

 

Agora que está mellor a cousa e haberá feiras de artesanía, tedes pensado ir?

Si, de cara a este verán temos en mente ir a algunha.

 

E para rematar, valorades abrir tenda no futuro?

De momento non, pero a finais do verán igual poñemos un ‘escaparate’ para que se vexan as nosas creacións porque estamos nun sitio bastante transitado, e ofrecer a posibilidade de quedar con cita previa e atender encargos no local.

También te podría gustar...