Artesanía de Galicia amosa a unión de innovación e tradición do sector artesán galego na Exposición Universal de Milán

  • A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta ata o domingo unha escolma na que están presentes oficios como a cestaría, a madeira, a xoiaría, o téxtil ou a elaboración de zocos
  • No marco do proxecto “Artesanía no prato”, que busca sinerxías entre a cociña de vangarda e o sector artesán galego, nos showcookings e catas empréganse pezas de Artesanía de Galicia
  • Ademais, Turismo de Galicia dedica un espazo a tres colectivos que veñen desempeñando traballos artesanais ao longo do tempo: redeiras, nodeiras e colareiras

image_gallery (1)A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, está a achegar na Semana de Galicia na Exposición Universal de Milán a unión de innovación e tradición do sector artesán galego, a través dunha escolma de pezas nas que se amosan oficios como o téxtil, a xoiaría, a cestería, a cerámica ou a elaboración de zocos.

En concreto, na mostra que se pode ver en Milán, o sector téxtil está representado polos traballos dos obradoiros Castelo de Sobroso (Ponteareas); Bulideira (Santiago), e Concha Canoura, de Culleredo. No que respecta á xoiaría, exhíbense pezas de Mayer (Santiago), mentres que no tocante á cestería, está representada por Antonio Suárez (Vigo), e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei).

A cerámica chega da man de Carmen Labrador (Alfarería Lista, Buño), Elías González (Gundivós, Sober), Regal (Viveiro), Víctor Ares (A Coruña), Manuel Figueiras (Muros), e Cerámica Unzueta (Cangas). Tamén se poden ver pezas en madeira de Taxus (Vilarmaior), Atalanta (A Estrada), e Armaior (Quiroga); así como zocos de Elena Ferro (Vila de Cruces) e instrumentos musicais de Sanín (A Estrada).

Ademais, Turismo de Galicia dedica un espazo a tres colectivos que veñen desempeñando traballos artesanais ao longo do tempo: redeiras, nodeiras e colareiras, coa presenza de artesás que contan coa marca Artesanía de Galicia: Rosa Isabel Rodríguez Vidal, de Illa da Estrela de Corme; Marina Álvarez Rodríguez, da asociación Atalaia de A Guarda, e Montse Betanzos, colareira do Grove.

011e8af726996943f2a6c13357443893

Por outra banda, no marco do proxecto Artesanía no Prato, que busca sinerxías entre a cociña de vangarda e o sector artesán galego, nos showcookings e catas que acolle estes días o espazo de Galicia na Expo de Milán empregan pezas de Artesanía de Galicia.
A participación de Artesanía de Galicia na Expo de Milán enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sustentable no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e promoción do produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, constitúe unha das liñas estratéxicas que se enmarcan dentro deste plan impulsado pola Xunta.
A Expo Universal de Milán, que abriu as súas portas o pasado mes de maio baixo o lema “Alimentar o planeta, Enerxía para a vida” está a reunir a preto de 150 países e organismos internacionais e atraer a máis de 20 millóns de visitantes que buscan participar nunha experiencia única de ocio educativo.

También te podría gustar...