AquaOurense realiza máis de 1.400 analíticas en 62 concellos para garantir a calidade das augas

1 1 1 1 2015 AquaOU

 

A Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente S.A. (AquaOurense), entidade mixta entre a Deputación de Ourense e Viaqua realiza anualmente máis de 1.400 analíticas, destinadas a garantir a calidade das augas para consumo humano nun total de 62 concellos da provincia de Ourense. Este servizo de control analítico tamén se realiza nas depuradoras compactas de augas residuais e nas EDAR en 21 concellos, coa finalidade de establecer un óptimo rendimento das instalacións.

Esta liña estratéxica de asistencia e cooperación medioambiental cos municipios ourensáns que realiza a Deputación de Ourense como «goberno verde» esténdese tamén ao ámbito da sostibilidade, ás campañas de reciclaxe e á Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente que impulsa o goberno de Manuel Baltar.

En concreto, no que atinxe ás analíticas de augas, o laboratorio de AquaOurense realizou no ultimo ano un total de 1.457 analíticas: 676 corresponden a análise de billa; 524 análises de control e 257 contra-análises; todos eles destinados a garantir a calidade das augas para consumo humano en 62 concellos da provincia de Ourense.

En canto ás depuradoras e ás estacións de augas residuais (EDAR) leváronse a cabo 126 controis de augas residuais e 48 análises de auga bruta y tratada, cada seis meses, nas depuradoras compactas, e no caso das EDAR as analíticas foron 78, tomando mostras mensuais tanto da auga bruta como da tratada.

O control sanitario de augas de baño en piscinas públicas de uso colectivo é outra das tarefas que realiza o laboratorio certificado de AquaOurense. Inclúe a toma de mostras e análises dos parámetros que establece o Real Decreto 742/2013 do 27 de setembro. O volume de analíticas realizado nestes ámbitos acada o centenar, nun total de 28 municipios.

A finalidade do laboratorio de AquaOurense é garantir a calidade das augas para consumo humano co fin de protexer a saúde das persoas. Neste senso, o laboratorio realiza a identificación e catalogación dos sistemas de abastecemento e os seus elementos, e tamén encárgase de elaborar os programas anuais de control analítico que se someten á aprobación das autoridades sanitarias. Asemade, é responsable de realizar todas as analíticas e toma de mostras, así como a repetición de análises en caso de non conformidade co resultado, e completa o seu labor con análises puntuais por necesidades do servizo ou no caso de que o solicite algunha administración.