Aprobado un convenio para o financiamento e execución da urbanización dos accesos ao CHOU

  • A Xunta de Goberno da Deputación aprobou un convenio de colaboración para o financiamento e execución da urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario de Ourense
Xunta de Goberno 11/03/2016

Xunta de Goberno 11/03/2016

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebradaonte no Pazo Provincial aprobou un convenio de colaboración entre o ente provincial, a Axencia Galega de Infraestruturas, o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ourense, para o financiamento e a execución da urbanización dos accesos ó Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 11 de marzo.

En concreto, no acordo aprobado na Xunta de Goberno relativo ao convenio de colaboración entre os distintos organismos para o financiamento e execución dos accesos ó CHOU, contémplanse que o orzamento máximo total da obra é de 1.360.345,53 euros. No que se refire á Deputación de Ourense, financiará as obras cun investimento máximo de 949.614,05 euros.

Para o impulso e cumprimento deste convenio constituirase unha Comisión de Seguimento formada por un representante da Axencia Galega de Infraestruturas, un representante do Servizo Galego de Saúde, un representante da Deputación Provincial de Ourense e un representante do Concello de Ourense, sendo presidida a Comisión a presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas ou persoa na que delegue.

Este acordo da Xunta de Goberno levarase ao pleno da Corporación Provincial do presente mes de marzo para a súa aprobación.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas, unha delas a favor do Club Ourense Baloncesto SAD por importe de 216.000 euros para o fomento do deporte para gastos de funcionamento e mantemento do club, e outra por importe de 18.000 euros ó Concello de Xunqueira de Ambía para gastos de seguimento e control dos traballos realizados do proxecto piloto de desenvolvemento integral e desenvolvemento da economía local neste municipio.

Outro dos puntos aprobados pola Xunta de Goberno da Deputación foi a modificación do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2016 no relativo ao Concello da Mezquita, anulando a obra denominada «refrixeración e climatización do velorio municipal» e incorporando o importe do investimento, 7.018 euros, á obra denominada «pavimentación en Chaguazoso e abastecemento, saneamento e pavimentación en Vilavella», cun orzamento final de 52.500 euros.

Por último, aprobouse a declaración da perda do dereito a percibir a axuda concedida ó Concello de Bande no marco do Programa provincial de cooperación cos concellos para a execución de investimentos en materia de termalismo correspondente ao exercicio 2014, por importe de 22.856,74 euros por falta de xustificación da contratación no prazo previsto nas bases do programa dos investimentos subvencionados.

También te podría gustar...