Ampliada a contía das axudas periódicas para mulleres que sofren violencia de xénero

  • A Xunta amplía a contía das axudas periódicas para mulleres que sofren violencia de xénero
  • As axudas tentan garantir ás mulleres vítimas da violencia de xénero unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo
  • O ano pasado un total de 339 mulleres foron perceptoras destas axudas, que varían entre os 300 e 800 euros ao mes

 

xunta-de-galicia-300x135A Xunta de Galicia vén de publicar no DOG a resolución pola que se amplía a dotación orzamentaria das axudas económicas de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero establecidas na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Segundo a publicación do DOG, a dotación orzamentaria amplíase na contía de 235.100 euros, unha cantidade que se suma aos máis de 728.000 euros dispostos na convocatoria publicada en abril para este ano 2016.

A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de 12 mensualidades. O importe das axudas varían entre 300 e 800 euros/mes, en función dos ingresos da beneficiaria, e dos fillos/as menores e menores en acollida a seu cargo, e de circunstancias de discapacidade.

A convocatoria tenta garantir ás mulleres vítimas da violencia de xénero unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo. As axudas véñense convocando anualmente dende o ano 2006.

Os requisitos para optar a estas axudas son ser muller maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia, ter cesado a convivencia co agresor dentro dos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude, estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; non ter percibido esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero con anterioridade

Perfil das beneficiarias do ano pasado

O pasado ano 339 mulleres vítimas de violencia residentes en Galicia, percibiron esta modalidade de axudas. Delas, un 79 por cento eran de nacionalidade española e o restante estranxeiras.

Por provincias, Pontevedra e A Coruña encabezan a listaxe con 133 e 132 perceptoras e axudas respectivamente en cada provincia, seguida de Ourense con 48, e Lugo, con 26. O perfil de idade maioritario é o de mulleres no rango de 26 a 45 anos, que representa o 64 por cento do total. Hai 203 beneficiarias que son nais e 25 teñen algunha discapacidade.

También te podría gustar...