PSdeGOs alcaldes do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, acompañados polo secretario provincial do partido, Juan Carlos González Santín, presentaron un escrito na Subdelegación do Goberno para solicitar unha entrevista co ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, para que “dea marcha atrás” na supresión dos partidos xudiciais.

Segundo informou hoxe González Santín, os rexedores pretenden que o ministro os reciba para explicarlle “a profunda preocupación” que lles ocasiona o anteproxecto da Lei orgánica do poder xudicial, porque modificará por completo o actual mapa da xustiza, ao substituír os partidos xudiciais por tribunais provinciais de instancia.

“Estamos reclamando que non nos quiten o que temos”, dixo Santín na sede da Subdelegación, porque “o que está facendo o Goberno é afastar a xustiza dos cidadáns”.

De feito, lembrou que esta reforma fará que “a xente teña que desprazarse á capital” desde lugares en que hoxe en día hai xulgados, como Becerreá ou A Fonsagrada.

Ademais, subliñou que haberá outro “problema”, porque “non poden meterse todos os xuíces e os funcionarios en Lugo”, xa que iso obrigaría a “facer unha macrocidade da xustiza” na capital lucense.

“Esta reforma é un despropósito”, insistiu.

EFE