• Últimos días para presentar traballos ao premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2016
  • O prazo remata o 16 de marzo e a dotación do galardón, que convoca a Deputación de Ourense, é de 3.000 euros

0 0 Carracedo 16

 

O vindeiro 16 de marzo remata o prazo para presentar traballos ao premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2016, un galardón que convoca a Deputación de Ourense para premiar o mellor traballo xornalístico –escrito, gráfico ou audiovisual- publicado o ano anterior nun medio de comunicación galego ou referido a Galicia. O premio foi instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O galardón consiste nun único premio e a dotación será de 3.000 euros.

A este premio poden optar todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais. Os traballos que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou deberán referirse a Galicia, con data de publicación entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro do mesmo ano. Así mesmo, valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.

O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais estarán representantes de: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Federación de Asociacións de Periodistas, Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, sendo o secretario do xurado, con voz pero sen voto, o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.

O acto de entrega do premio terá lugar o día 3 de maio, coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Prensa.