Adxudicación do servizo de explotación do Centro do Viño e outros servizos turísticos de Monforte

  • O Alcalde anuncia a adxudicación do servizo de explotación do Centro do Viño e outros servizos turísticos de Monforte
  • A xestión integral e explotación dos servizos que se prestan no Espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, na Oficina de Turismo, na futura Oficina de Atención ó Peregrino e das visitas á Torre da Homenaxe, todas elas instalacións dependentes do Concello de Monforte de Lemos, foi adxudicada á UTE “María Isabel Álvarez Sangil, Ruth Díaz Amor, Vicente Parra Vizcaino e Albergue Santiago 15, S.L, Unión Temporal de Empresas Ley 18/82, Numero 1”, e con sede en Monforte
  • A UTE adxudicataria presentou un prezo total de 203.885 €, IVE engadido, asumindo a totalidade das melloras recollidas na súa oferta, rebaixando en máis de 40.000 euros o prezo inicial de licitación, e aumentando as horas do servizo en 470,50 horas anuais respecto do total de horas licitado. Ademais, a UTE ofertou como mellora unha inversión no servizo de 17.250 €
  • José Tomé Roca, Alcalde de Monforte, destaca que “é unha das concesións máis importantes que este Concello ven de adxudicar, xa que a través desta xestión integral única, centraremos a proxección turística de Monforte como cidade museística e de interese cultural, como capital da Ribeira Sacra e como cidade pola que transcorre o Camiño de Inverno, proporcionando uns servizos acordes coa importancia turística que ten a nosa cidade e o noso entorno.”
  • Entre os principais requisitos esixidos polo Concello para este servizo, cabe destacar que a empresa adxudicataria contará con persoal especializado e con formación contrastada, e que tanto a Oficina de Turismo, o Espazo expositivo do Centro do Viño, a súa tenda e a Oficina do Peregrino, estarán abertos todos os días da semana ó longo de todo o ano
  • A formalización do contrato entre o Concello de Monforte e a UTE adxudicataria do servizo integral terá lugar nos vindeiros días

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar a adxudicación do servizo de explotación do Centro do Viño e outros servizos turísticos do Concello, “unha das concesións máis importantes que este Concello ven de adxudicar, xa que a través desta xestión integral única, centraremos a proxección turística de Monforte como cidade museística e de interese cultural, como capital da Ribeira Sacra e como cidade pola que transcorre o Camiño de Inverno, proporcionando uns servizos acordes coa importancia turística que ten a nosa cidade e o noso entorno”, destaca o Alcalde.

Deste xeito, a xestión integral a explotación dos servizos que se prestan no Espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, na Oficina de Turismo, na futura Oficina de Atención ó Peregrino e das visitas á Torre da Homenaxe, todas elas instalacións e servizos turísticos dependentes do Concello de Monforte de Lemos, foi adxudicada á UTEMaría Isabel Álvarez Sangil, Ruth Díaz Amor, Vicente Parra Vizcaino e Albergue Santiago 15, S.L, Unión Temporal de Empresas Ley 18/82, Numero 1”, e con sede na cidade de Monforte.

A empresa adxudicataria presentou un prezo total de 203.885 €, IVE engadido, asumindo a totalidade das melloras recollidas na súa oferta, rebaixando en máis de 40.000 euros o prezo inicial de licitación e aumentando as horas do servizo en 470,50 horas anuais respecto do total de horas licitado. Ademais, a UTE ofertou como mellora unha inversión no servizo de 17.250 €.

Unha vez adxudicada esta xestión integral dos servizos turísticos municipais, a formalización do contrato entre o Concello e a UTE monfortina terá lugar nos vindeiros días.

 

Requisitos asumidos pola empresa adxudicataria

A xestión integral dos servizos turísticos esenciais para a cidade de Monforte, estará en todo momento supervisada polo Concello, debendo a empresa adxudicataria consensuar co Concello a toma de decisións, a posta en marcha de todo tipo de accións e de actividades promocionais, o tipo de información que se debe facilitar ós visitantes, etc.

Da mesma forma, o Concello resalta que a empresa adxudicataria contará con persoal especializado e con formación contrastada en todas estas instalacións e servizos turísticos municipais, a fin de proporcionar a información e o trato máis axeitado ós turistas ou peregrinos que acodan ás mesmas. “A labor das persoas que atendan estas instalacións debe estar encamiñada, ademais de a solventar as necesidades que prantexe o visitante, tamén a poñer en valor a importancia turística e histórica que ten a nosa cidade e o seu entorno, a Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno” sinala o Alcalde. Ademais, o servizo de atención ó público desenvolverase nas dúas linguas oficiais de Galicia, galego e castelán, ademais de en inglés.

Tamén cabe salientar que coa concesión do servizo terá lugar unha ampliación nos horarios de atención o público, que suporán que tanto a Oficina de Turismo, o Espazo expositivo do Centro do Viño como súa Tenda, e a Oficina do Peregrino, estarán abertos todos os días da semana ó longo de todo o ano, a fin de proporcionar ós usuarios un servicio eficaz e continuo. No caso da Torre da Homenaxe, está contará cuns horarios específicos propios. Unha vez sexa formalizado o contrato entre ambas entidades, estableceranse os horarios para cada un dos centros turísticos incluídos no servizo.

Toda a información e recollida de datos estatísticos, referidos ás visitas e todo tipo de datos turísticos, serán entregados ó Concello de Monforte, que será o responsable de darlles publicidade. A empresa adxudicataria estará obrigada á xestión, envío e derivación con carácter confidencial e actualizada mensualmente  dos datos ó Concello de Monforte e non poderán ser facilitados a terceiros sen autorización previa por parte do Concello. Terá tamén a  obrigación de presentación de informes de funcionamento interno, gastos, elaboración e presentación de memorias anuais ó Concello.

A empresa adxudicataria tamén se compromete a aceptar calquera modificación establecida polo Concello de Monforte no relativo a comercialización de entradas, coa posibilidade de ser on-line ou a través de calquera outro método de comercialización establecida polo Concello segundo a demanda e necesidade deste servizo.

Nos diferentes espazos descritos englobados dentro desta xestión única integral, permitirase outras actividades de dinamización destes espazos, previa solicitude e planificación co Concello de Monforte, que terá que autorizar as mesmas.

Finalmente, a empresa adxudicataria, a petición do Concello, terá que preparar e xestionar con carácter periódico o envío de contidos promocionais turísticos para ser difundidos a través das diferentes canles, portais de internet e redes sociais municipais, sempre baixo a planificación e autorización do Concello de Monforte. Esta información será confidencial e de uso exclusivo polo Concello de Monforte; así como o seguimento e asesoramento sobre a páxina web  municipal no apartado relativo a turismo, informando de calquera suxestión, incidencia ou posibles modificacións que serán remitidas ó persoal designado polo Concello de Monforte como encargado da web municipal. Toda esta información será difundida e xestionada única e directamente polo Concello de Monforte de Lemos.

O Alcalde concluíu salientando que “con esta única xestión integral haberá un antes e un despois na xestión dos nosos servizos turísticos municipais, que redundará moi positivamente na imaxe e na información que trasladaremos de Monforte e da Ribeira Sacra ós nosos visitantes e peregrinos.”

 

Espazo Expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra

As actuacións que a empresa adxudicataria desenvolverá neste espazo, situado no nº 6 da rúa Comercio, comprenden a organización das visitas, tanto de grupos como as individuais, mantendo a exposición aberta tódolos días en horario de mañá e tarde.

Tamén se inclúe neste apartado a xestión das súa instalacións, é dicir, do espazo expositivo, da recepción, da tenda, da sala multiusos e do almacén, así como as zonas comúns compartidas coa Tapería do Centro do Viño e coas dependencias do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Así mesmo comprende a xestión do patio como elemento central que unifica todas as instalacións do centro.

O espazo expositivo estará aberto tódolos días da semana ó longo de todo o ano. As visitas guiadas realizaranse diariamente, como mínimo unha de mañá e outra de tarde, ampliándose se fose necesario. A Tenda do Centro do Viño tamén estará aberta tódolos días do ano, cun horario mínimo de 8 horas, que será dado a coñecer unha vez sexa formalizado o contrato co Concello e a UTE comece a súa xestión dos servizos.

Polo que respecta á Tenda deste Centro do Viño, os produtos autorizados para a súa venda na mesma son:

  • Viños da Ribeira Sacra
  • Licores da Ribeira Sacra
  • Produtos relacionados co viño (sacacorchos, decantadores, copas, libros, tapóns, etc.)
  • Produtos gastronómicos da Ribeira Sacra (queixos, bicas, conservas, etc.)
  • Produtos artesanais da Ribeira Sacra relacionados co viño (xerras, cuncas, etc)
  • Recordos e merchandising de Ribeira Sacra, Monforte e o Centro do Viño
  • Cosmética feita con uvas da zona
  • Bixutería e xoiería
  • Ocasionalmente, viños doutras denominacións.

 

A entidade adxudicataria deberá manter tanto as instalacións e os produtos á venda en constante actualización, dando resposta a demanda existente en cada momento, e será obrigatorio ter na tenda unha representación dos produtos de todas adegas e produtores locais e comarcais da Terra de Lemos, agás que a eles non lles interese vender na tenda os seus produtos.

Do mesmo xeito, a UTE adxudicataria deberá ofrecer estes produtos a través dunha tenda de venda on-line actualizada, dinámica, moderna e ben xestionada, unha web que sexa competitiva no mercado, e se converta nunha ferramenta imprescindible que garanta e facilite a interacción dos visitantes e a adquisición de ditos produtos.

Por outra banda será obrigatorio ter en perfecto estado, limpeza e orde todas as instalacións que conlevan a presente contratación (escaparate, tenda, oficinas de atención ó público e espazo museístico deberán transmitir a imaxe de máxima calidade de produtos e servizos), garantindo e coidando a imaxe que constitúe a diferenciación e especialización de ser estas as instalacións de información turística da capital da Ribeira Sacra.

O Patio e a Sala Multiusos acollerán exclusivamente actividades de tipo social e cultural, previa solicitude e abono da taxa fixada na correspondente ordenanza fiscal, e as actividades deberán ser comunicadas ó Concello por si a actividade solicitada tivese algunha restrición.

 

Oficina de Turismo

Situada na actualidade no mesmo edificio que Espazo expositivo do Centro do Viño, as actuacións a desenvolver nela comprenden a prestación ó público de información de todo o relativo ó municipio de Monforte de Lemos, actividades, servizos de hostalería, hospedaxe, rutas, historia, museos, etc., así como facilitar información do entorno da Ribeira Sacra.

A Oficina de Turismo permanecerá aberta ó público todos os días do ano un mínimo de 8 horas en horario partido, e será anunciado cando a empresa adxudicataria inicie o servizo. Fora do horario establecido, o visitante poda dispoñer da información turística básica nos paneis virtuais instalados en distintos puntos da cidade en cada momento.

A atención na oficina de turismo terá que ofrecerse nas dúas linguas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia (galego e castelán), ademais de inglés. O Concello facilitará material básico (planos, guías,..), podendo o adxudicatario poida aportar material adicional.

O servizo de atención da Oficina de Turismo será gratuíto para os usuarios, non podendo cobrarse cantidade ningunha a estes por parte do adxudicatario.

 

Oficina de Atención ó Peregrino

Dende esta instalación que se ubica na praza Doutor Goyanes s/n, facilitarase ó peregrino e ó visitante información relativa ó Camiño de Inverno como ruta dos Camiños de Peregrinación a Santiago, así como de información xeral do municipio e o entorno. Ademais prestará servizo de selado das credenciais os peregrinos que o demanden.

A Oficina de Atención ó Peregrino permanecerá aberta ó público todos os días do ano un mínimo de 8 horas en horario partido, e será anunciado cando a UTE adxudicataria inicie o servizo. A atención ós visitantes na Oficina do Peregrino terá que ofrecerse nas dúas linguas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia (galego e castelán), ademais de inglés.

O servizo de atención da oficina do peregrino será gratuíto para os usuarios, non podendo cobrarse cantidade ningunha a estes por parte do adxudicatario.

 

Xestión das visitas á Torre da Homenaxe

Este servizo comprende a realización das visitas, guiadas ou non, no espazo da Torre da Homenaxe de San Vicente, tanto de grupos como individuais, dentro do horario de apertura, mantendo ademais o espazo aberto e custodiado durante os horarios que o Concello sinale. Inclúe así mesmo a xestión integral e o mantemento ordinario da instalación.

O Concello de Monforte terá acceso directo a este emblemático e icónico monumento para xestionar as actividades que dende os diferentes departamentos municipais de cultura e promoción económica levan a cabo durante todo o ano por motivos de proxectos de dinamización turística e cultural ós que pertence o Concello de Monforte, como é o caso da Red de Juderías de España, Red de Nacional de Patrimonio Histórico de Castillos y Palacios de España ou a Red de Ciudades y Territorios Creativos de España, entre outras.

       Horarios: Con independencia das visitas concertadas na propia Oficina de Turismo ou derivadas polo Concello, a Torre permanecerá aberta ó público como mínimo nas franxas horarias que se recollen na seguinte táboa:

 

Tempada

Xornada

Horas

Inverno (outubro a abril, incluídos)

Unicamente sábados, domingos e festivos

Mañá

11:00 – 13:30

Tarde

15:30 – 18:30

Semana Santa

De xoves a domingo

Mañá

11:00 – 13:30

Tarde

15:30 – 19:30

Maio a setembro

Todos os días

Mañá

11:00 – 14:00

Tarde

16:30 – 20:30

As tarifas que se cobrarán ós visitantes da Torre non poderán ser superiores ás establecidas na correspondente Ordenanza Fiscal Municipal, quedando totalmente prohibido o cobro de cantidade algunha adicional, e serán comunicadas, ó igual que os horarios definitivos de apertura, unha vez a empresa adxudicataria comece a desenvolver os seus servizos.

También te podría gustar...