Aceleración da recuperación económica e do mercado laboral na provincia

  • A recuperación económica e do mercado laboral aceléranse na provincia de Ourense
  • O novo formato do Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a Deputación de Ourense, baséase na interacción e na actualización de datos en tempo real, e está dispoñible na web da institución provincial en galego e inglés
  • Os datos reflicten que o reforzamento do mercado laboral no terceiro trimestre permitiu recuperar o ritmo de rexeneración de finais de 2015. A taxa de paro interanual rexistra 33 meses seguidos de descenso
  • O 40 % dos municipios da provincia presentan saldo neto positivo nas afiliacións no acumulado de todo o ano, con liderado de San Cibrao das Viñas, cun 5,4 % de incremento
  • A provincia de Ourense rexistra hoxe 5.300 parados menos que hai sete meses. O rexistro actual de 21.049 desempregados é a cifra máis baixa desde o inicio da crise e devolve á provincia a valores do ano 2008
  • O volume de exportacións da economía ourensá entre xaneiro e agosto foi de 500 millóns de euros, cun superávit comercial situado no 170 %
  • Manuel Baltar: «O Observatorio é unha ferramenta aberta e participativa que afonda na transparencia e en compartir información coa cidadanía, e que nos axuda a poñer en marcha políticas públicas en función dos indicadores que reflicte a nosa provincia»
Andrés Mazaira e Manuel Baltar

Andrés Mazaira e Manuel Baltar

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Andrés Mazaira, presentaron hoxe o novo formato do Observatorio Económico Provincial, que se converte nunha das ferramentas de análise da economía provincial máis avanzada no ámbito nacional en canto a interacción de contidos. Os datos do Observatorio serán actualizados de maneira permanente e poderán consultarse a través da web da Deputación de Ourense, en galego e inglés, con novas formas de visualización máis dinámicas, intuitivas e gráficas.

A conclusión dos últimos datos do Observatorio, presentada hoxe, reflicte que a provincia de Ourense está a prolongar a duración e a intensidade dos períodos de recuperación económica. As afiliacións á Seguridade Social súmanse á salientable evolución do paro, e xa encadean oito trimestres consecutivos con subidas nas taxas interanuais Así, reflíctese que o reforzamento do mercado laboral no terceiro trimestre permitiu recuperar o ritmo de rexeneración de finais de 2015. A taxa de paro interanual rexistra 33 meses seguidos de descenso.

Manuel Baltar destacou na presentación que o novo Observatorio Económico Ourensán «permite actualizar en tempo real os datos socio-económicos da provincia para que cidadáns, empresas e administracións poidan consultalos en todo momento a través da web da Deputación de Ourense». «Trátase dunha ferramenta aberta e participativa –explica o presidente- que afonda na transparencia e en compartir información coa cidadanía, e que nos axuda a poñer en marcha políticas públicas en función dos indicadores que reflicte a nosa provincia, un innovador método de análise polo que xa se teñen interesado outros gobernos provinciais, porque nos permite avaliar polo miúdo a situación socio-económica de comarcas e concellos, aspecto este innovador e de grande utilidade».

O seguimento da evolución do mercado laboral na fase máis intensiva de reactivación permite concluír que o paro na provincia de Ourense responde moito máis ao patrón cíclico ou conxuntural (ten unha moi marcada dependencia das fases de expansión ou de recesión da economía) que ao patrón estacional (variacións en épocas moi concretas do ano). Así, por exemplo, tanto os descensos como os incrementos nunca se producen durante un único mes illado. Entre xaneiro de 2014 e setembro de 2016, o período máis corto tivo unha duración de cinco meses.

Na actualidade, a economía ourensá atópase na previsible parte final dunha serie de sete meses consecutivos con significativos recortes do paro. A data de hoxe contabiliza 5.264 parados menos que en marzo de 2016 e preto de 10.000 menos (en concreto 9.608) que no arranque de 2014, o que equivale a reducións porcentuais do 20 % en sete meses e do 31,3 % en comparación con xaneiro de 2014 (33 meses).

Unha nova salientable é que por primeira vez na fase de rexeneración laboral, o ciclo de melloría do paro prolongouse a un mes de setembro, en contraste co resto de Galicia, onde setembro marcou cambio de tendencia (fin dos descensos). Ademais, o rexistro actual de pouco máis de 21.000 parados é o máis baixo desde o inicio da crise e permite recuperar os niveis previos ás recesións, xa que devolve á provincia ata os valores propios de finais do ano 2008.

De perdurar as tendencias, a partires do segundo trimestre de 2017 Ourense estaría en disposición de situarse por debaixo da barreira dos 20.000 parados, dato que non se observa desde outubro de 2008. E xa cun obxectivo máis ambicioso, o vindeiro reto sería achegarse ao record mínimo nas cifras de paro vivido en setembro de 2007, con 17.732 inscritos.

A reacción, a reactivación, a rexeneración e o novo alento laboral da provincia constátanse con fitos como os seguintes:

– Ourense xa encadea unha marca de 33 meses consecutivos con baixadas do paro en taxa interanual.

– O mes máis recente (setembro de 2016) deixou a máis forte redución en taxa interanual de toda a serie, situada no 10,5 %, case tres puntos porcentuais mellor que a de hai un ano.

– Desde xaneiro de 2014, o paro interanual decrece mes a mes en taxa interanual no conxunto das 12 comarcas e dos 92 concellos ourensáns.

– Nas series trimestrais, o paro está a baixar en 86 dos 92 concellos e na totalidade das comarcas, con dez delas restando parados a un ritmo anual superior ao 10 % (só Ourense, co -3,9 %, e Allariz-Maceda, co -7,1 %, non acadan tan forte velocidade).

Por outra banda, o novo Observatorio Económico Ourensán salienta que o bo comportamento do paro rexistrado, que foi unha constante ao longo de toda a crise, estase a acompañar de máis celeridade no auxe das afiliacións e igualmente dunha maior duración dos ciclos de rexeneración laboral. Así, a provincia xa acumula oito trimestres con incrementos en taxa interanual. Logo dunha relativa moderación a comezos de ano, a velocidade media de recuperación das afiliacións volve a achegarse ao 1 % en taxa interanual.

Ourense aproveitou a estacionalidade do verán para consolidar o nivel das 100.000 afiliacións, e con cifras máis elevadas que as do verán de 2015 (101.675 afiliacións fronte a 100.160). Máis da terceira parte dos concellos (36 dos 92) e tres comarcas asinan incrementos de afiliados no último ano. O crecemento sitúase nos territorios que sosteñen -en contribución e proporción- o mercado laboral da provincia, como son os casos de Ourense e ou seu cinto industrial, de Valdeorras e mesmo de Allariz-Maceda. Nesta ocasión só se descolga a comarca de Carballiño, onde baixan o 1,2 %, ao acusar certo desgaste tras varios períodos de rexeneración laboral.

No terceiro trimestre de 2016 houbo un saldo neto de 1.322 afiliacións no conxunto da provincia, o que significa a cuarta alza máis forte rexistrada desde o ano 2011. Esa subida mellorou en 213 afiliacións o bo dato que xa se dera no mesmo período de 2015.

O Observatorio afonda máis na variable das afiliacións e ofrece outra visión, desde o enfoque do domicilio da conta de cotización do traballador, é dicir, tendo en conta o lugar no que a súa empresa ou centro de traballo está domiciliada e non en función do municipio no que reside o afiliado. Esta análise permite coñecer que entre xaneiro de 2015 e setembro de 2016 as afiliacións por conta de cotización medraron en 76 dos 92 concellos, e que case na metade deles (en 31) as subidas en taxa acumulada acadaron o dobre díxito (superiores ao 10%). En oito casos, o crecemento superou o 20%.

500 millóns de euros en exportacións

Os datos do Observatorio demostran que Ourense é unha provincia con acentuada vocación exterior. O volume acumulado entre os meses de xaneiro e setembro deixa, por segundo ano consecutivo, un importe superior aos 500 millóns de euros nas transaccións realizadas. En concreto, foron 513,8 millóns. En todo 2016 o ritmo exportador resultou moi constante, cun rango mensual comprendido entre os 60 e os 70 millóns de euros, agás en xullo, cando baixou lixeiramente (56 millóns).

Nos tres primeiros trimestres do ano, as importacións ourensás sumaron 327,5 millóns, polo que a balanza comercial segue reflectindo un dos superávits máis fortes de toda España. Cos datos de agosto queda fixada no 170 %, o que equivale a dicir que mellorou en 42 puntos porcentuais en comparación co peche de 2015. En meses illados, e polo impacto de expedicións puntuais, o superávit comercial da provincia de Ourense mesmo chegou a estar por enriba do 200 %, como aconteceu en xuño e abril de 2015.

O Observatorio Económico Ourensán sinala que, no ámbito demográfico aceléranse as tendencias negativas tanto en termos de perda de poboación como de envellecemento. Segundo a información do padrón municipal, a poboación da provincia, a 1 de xaneiro de 2016, ascendía a 314.705 habitantes, experimentando un decrecemento do 1,16 % respecto da poboación provincial ao inicio do ano 2015. Dito decrecemento é 0,63 puntos superior á diminución que sofre a poboación galega, manténdose deste xeito o diferencial do ano anterior.

Mentres, segue a crecer o número de ourensáns inscritos no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), que a 1 de xaneiro de 2016 alcanzaba a cifra de 111.674; o 35,5 % da poboación ourensá, un punto máis do que supuña a 1 de xaneiro de 2005.

A pirámide poboacional da provincia reflicte con claridade a intensificación do proceso de envellecemento, cunha notable redución da base da pirámide e o ensanchamento da parte superior da mesma. Por primeira vez, a 1 de xaneiro de 2016, o grao de envellecemento da poboación ourensá superou a barreira dos 50 anos. Só dúas comarcas posúen unha idade media inferior á idade media provincial: Ourense e Valdeorras.

A análise municipal amosa que o descenso poboacional é xeralizado; únicamente 13 concellos presentan a 1 de xaneiro de 2015 unha poboación igual ou superior á que presentaban no ano 2014. Estas subidas excepcionais déronse en Vilardevós (7,21 %), A Peroxa (1,95 %), Cualedro (1,77 %), Punxín (1,47 %), San Cibrao das Viñas (1,29 %), Barbadás (0,89 %), Sandiás (0,77 %), Carballeda de Avia (0,72 %), Coles (0,57 %), Esgos (0,33 %), Vilamartín de Valdeorras (0,28 %), Manzaneda (0,21 %) e Carballeda de Valdeorras (0,06 %).

O Observatorio máis incardinado na cultura dixital, e que irá incorporando novas variables mes a mes, tamén ofrece cadros estatísticos de evolución do sector turístico na provincia (viaxeiros e pernoctacións), da situación do sector agroalimentario (exportacións mensuais por produtos e peso específico das exportacións por produto en Ourense e Galicia), da estrutura do mercado laboral (distribución dos ocupados por rama de actividade) e das variables que retratan o poder adquisitivo e a dimensión do colectivo de pensionistas (importes medios, número de perceptores e peso relativo sobre o total da poboación).

Así mesmo, está dispoñible a primeira infografía sectorial, que retrata o posicionamento do sector agroalimentario, e, no fondo documental, pódense consultar as sete edicións da primeira versión do Observatorio Económico Ourensán, presentada en decembro de 2012. Como gran novidade, o usuario pode interactuar cos datos e seleccionar «á carta» comparativas personalizadas entre territorios (concellos e comarcas ou Ourense vs Galicia) ou entre variables económicas, laborais e demográficas. Todos os datos son actualizados en tempo real na mesma data de divulgación oficial das últimas series estatísticas.

Plataforma Dixital Observatorio Económico Ourensán

También te podría gustar...