A Xunta mobilizará 300.000 euros no sector editorial e das artes escénicas a través da creación dunha Tarxeta-Bono dirixida a estimular o consumo cultural entre a mocidade

image_galleryO conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá que a Tarxeta-Bono Cultura Galega comezará a funcionar, segundo as previsións, a finais do mes de setembro. Con esta iniciativa, dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, a Xunta de Galicia mobilizará en torno a 300.000 euros no sector editorial e das artes escénicas, cunha política directa de estímulo do consumo cultural entre os máis novos. En total poderán adquirir este produto arredor de 6.000 persoas que, cunha achega de 33 euros, poderán realizar un gasto por valor de 50 euros.

Segundo explicou o conselleiro xa está aberto o prazo para que ata 180 establecementos se adhiran á iniciativa, que apoian tanto a Federación de Librarías de Galicia como Escena Galega. A tramitación da tarxeta-bono, así como a xestión das entradas aos espectáculos que con ela se merquen será desenvolvida por Afundación.

Na rolda de presentación da tarxeta-bono participaron, ademais do conselleiro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a presidenta da Federación de Librarías, Pilar Rodríguez; a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel; Benigno Paz, da Asociación Galega de Editores; e mais a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Mª Teresa Cores.

Dinamización e impulso do consumo
Román Rodríguez sinalou esta iniciativa como política social que lles facilita aos máis novos o acceso a produtos culturais, ao tempo que constitúe un claro impulso económico tanto para as librarías como para as industrias culturais galegas. Neste sentido indicou a importancia de que a mellora progresiva do escenario económico comece a chegar á cidadanía.

Así mesmo explicou que se trata dunha acción en prol da difusión e coñecemento da cultura galega e producida na lingua propia de Galicia. Non en balde, a tarxeta-bono dará acceso a libros escritos en galego, en papel, incluíndo traducións doutras linguas ao galego; e mais a mercar entradas para espectáculos de artes escénicas levados a cabo na comunidade autónoma galega. No suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego.

Descontos adicionais
O prezo da tarxeta para o usuario será de 33 euros, e con ela poderá realizarse un gasto de ata 50. Cómpre salientar que os establecementos adheridos que se dediquen á venda de libros deberán facer un desconto adicional do 10% no prezo do que se compre con cargo a este bono; e que a tarxeta é compatible con outros descontos ou ofertas. De acordo co devandito desconto, cunha destas tarxetas poderase ter acceso a comprar, por exemplo, 2 libros que custen 20 euros cada un e a un terceiro que custe 15 euros.
Unha vez se poña en marcha a venda de tarxetas-bono abrirase un período de 2 meses para adquirilas, e cada unha delas terá unha validez de outros 2 meses desde o momento da compra. O produto poderá mercarse ben por internet – no enderezowww.tarxetabonoculturagalega.gal – ou a través dun teléfono 902 que se habilitará ao efecto.

También te podría gustar...