A Xunta investiu desde 2009 máis de 18 millóns de euros na renovación de maquinaria agrícola e na súa disposición en réxime asociativo

xunta-de-galicia-300x135A Consellería do Medio Rural e do Mar investiu dende 2009 máis de 18,2 millóns de euros no apoio á renovación da maquinaria agrícola e na disposición da mesma en réxime asociativo entre os gandeiros e agricultores. Isto permitiu acadar máis de 1.000 iniciativas neste eido. Así o destacou a conselleira Rosa Quintana durante a inauguración do certame Cimag-GandAgro 2015 en Silleda, onde tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.

A titular de Medio Rural e Mar tamén informou que de cara a 2015, no caso das axudas para a compra e disposición de maquinaria mediante un modelo asociativo, as disposicións orzamentarias medran nun 100% pasando de 2 a 4 millóns de euros. Neste sentido, engadiu que a orde destas axudas está “practicamente lista para ser publicada”.

Para afianzar esta aposta son clave iniciativas como CIMAG-Gandagro, xa que “afondan no intercambio de experiencias e de coñecemento dos profesionais do sector e na vertebración e cohesión dun sector determinante como é o agrogandeiro e forestal”. Ademais, sinalou, “serven para a mellora da calidade de vida e da riqueza dunha poboación rural, que na nosa comunidade autónoma é dunha importancia crucial”, afirmou Rosa Quintana.

Durante a súa intervención a conselleira tamén destacou a relevancia das xornadas técnicas que se desenvolven no marco desta feira e nas que expertos, responsables institucionais, produtores e industriais tratarán temas como o sector lácteo ante a desaparición das cotas, o gando porcino, as forraxes e novos conceptos de fertilización ou o futuro da mecanización. Esta importancia para o sector ageogandeiro vén marcada polas máis de 11.000 explotacións de produción de leite e máis de 24.000 de carne coas que conta Galicia.

Rosa Quintana tamén fixo referencia á importancia de dar o salto internacionalización e para iso “debemos poñer en común as accións emprendidas polas administracións, os esforzos realizados polo sector agrogandeiro e os últimos avances tecnolóxicos de aplicacións ás nosas explotacións”. Neste sentido, sinalou que esa internacionalización e a ampliación de mercados é clave nun sector estratéxico para a nosa economía como é o lácteo, por iso deben ser e son obxectivos irrenunciables para “lograr o seu fortalecemento e despegue definitivo”.

Así, a liberalización da produción láctea é inminente e esa situación, nunha comunidade como Galicia, que lidera a produción con case o 40% do total do Estado, “debe ser contemplada como unha oportunidade, tanto no plano produtor como transformador”, subliñou a titular de Medio Rural e Mar. Ademais a busca dun valor engadido nos derivados lácteos incrementará a demanda dunha materia prima de incuestionable calidade, nun mercado globalizado como o que vivimos.

O certame
O certame Cimag-Gandagro 2015 celébrase do 19 ao 21 de febreiro na Feira Internacional de Galicia. É a primeira edición que fusiona dúas feiras que antes se celebraban por separado: Cimag e Gandagro, polo que esta cita única unirá aos sectores de maquinaria agrícola, gandería e agricultura. Este ano Cimag-Gandagro conta con 154 expositores, preto de 400 firmas de 23 países, 20 conferencias e mesas redondas e 60 expertos.

Nestas conferencias participa a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, para falar sobre o sector lácteo en Galicia ante un escenario liberalizado. Dentro do certame tamén se celebran concursos relacionados co gando frisón e coa innovación no ámbito da produción, transformación e comercialización dos sectores agrícola e gandeiro.

También te podría gustar...