A Xunta de Galicia impulsa o turismo ornitolóxico co novo programa “De póla en póla”, destacando o Canón do Sil

image_gallery (2)

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, presentaron esta mañá o novo programa de turismo ornitolóxico “De póla en póla”.

Trátase dun innovador programa co que Turismo de Galicia convida a gozar dunha fin de semana en contacto coa natureza descubrindo o mundo das aves.

O programa inclúe, ademais dunha formación teórica e práctica de introdución á observación de aves, a estancia en establecementos rurais de Galicia.

Así, “De póla en póla” ofrece aos amantes do mundo ornitolóxico un completo programa de fin de semana que inclúe o aloxamento de venres a domingo nos establecementos rurais de Galicia seleccionados, as ceas do venres e sábado, os almorzos do sábado e domingo, un xantar tipo picnic para o sábado, para gozar do campo mentres se realizan as primeiras observacións, e a formación teórico-práctica de observación de aves impartida por un monitor experto.

Nesta primeira edición Turismo de Galicia escolleu para este programa tres dos espazos máis senlleiros da xeografía galega para o avistamento de aves: o Canón do Sil, A Terra Chá e os Ancares e Montes de Cervantes.

Durante a rolda de prensa de presentación, Nava Castro afirmou que dende Turismo de Galicia apóstase polo turismo ornitolóxico como un uso sostible dos recursos naturais que permite achegarnos á natureza e ás paisaxes desde un punto de vista singular, cercano e privilexiado.

“Co programa que hoxe presentamos, que combina estas dúas riquezas de Galicia, a natureza e o turismo rural, temos por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promover o turismo ornitolóxico, e favorecer a desestacionalización”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

Neste senso, Nava Castro explicou que “De póla en póla” é unha das accións contempladas na segunda liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia, centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos.

Segundo sinalou a responsable de Turismo da Xunta, nesta estratexia enmárcanse outras iniciativas do eido do turismo ornitolóxico das cales destacou a asistencia á Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, que se celebra no Parque Nacional de Monfragüe, en Extremadura, e trátase do certame turístico máis importante do sector en España.