image_gallery (1)A proliferación de incendios forestais nos últimos días en Galicia é un claro indicador da intencionalidade que hai detrás destes lumes. Así o sinalou o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, tras a reunión do Comité de coordinación policial anti-incendios que tivo lugar en Santiago, coa participación de representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar e dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Fernández-Couto puxo como exemplo desta realidade os 41 incendios rexistrados na nosa Comunidade entre as 21 horas de onte e as 9 horas de onte a mañá. Advertiu que estes lumes rexístranse de noite, cando non poden actuar os medios aéreos, e xorden coa clara intención de facer dano. Así –sinalou o secretario xeral– ata 6 destes incendios tiveron lugar na contorna da cidade de Ourense e engadiu que toda esta actividade “dificilmente pode explicarse por accidentes ou neglixencias”, cando ademais está terminantemente prohibido usar o lume en época de alto risco.

Tomás Fernández-Couto informou tamén de que un total de 6 persoas prestarán hoxe declaración pola súa presunta relación cos incendios forestais, en diferentes puntos de Galicia, como resultado do traballo da Policía Autonómica, e dixo que hai que agardar a ver como evolucionan estes procesos xudiciais.

O secretario xeral explicou que na súa reunión de hoxe o comité de coordinación analizou esta actividade incendiaria para facerlle fronte coa maior eficacia posible, ademais de “poñer en común liñas de investigación, xerar plans de traballo e debater melloras para os labores de vixilancia e disuasión contra a actividade incendiaria delictiva”, concretando as zonas nas que se prioriza este traballo.

Neste período estival –advertiu o secretario xeral– estanse a dar condicións que facilitan esa acción incendiaria, pero “nin o vento nin a calor provocan incendios, senón que está detrás a man do home de forma intencionada”. Fernández-Couto indicou que esa acción intencionada xera “medo, perigo e risco para as persoas” e que a única explicación que teñen este tipo de lumes é a de servir de “escaparate” para poñer de manifesto a acción destrutiva do fogo.