A terceira Xornada de Demografía da Xunta aborda a importancia da racionalización dos horarios

image_gallery (1)

 

A directora xeral de Familia e Inclusión, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, inaugurou hoxe na cidade das Burgas a terceira das xornadas provinciais sobre demografía que a Consellería de Traballo e Benestar está a organizar nas catro provincias, nesta ocasión centrada no caso español no contexto europeo e a importancia da racionalización de horarios.

‘Conciliación, demografía e empresa’ é o título desta iniciativa que ten como obxectivo establecer sinerxías entre administracións e axentes sociais e económicos, unha “tarefa esencial” na loita contra a crise demográfica.

Neste sentido, contaron coa presenza do delegado internacional da Comisión nacional para a racionalización de horarios, J. María Fernández Crehuet, que abordou o asunto da conciliación, a demografía e a empresa; e coa xerente de relacións externas de Galicia de Mercadona, Mariña Rivas, que falará do ‘Modelo de empresa e o seu sistema de conciliación’.

A directora xeral de Familia destacou que “falar do reto demográfico e intercambiar ideas é o primeiro paso para darlle unha solución á problemática demográfica”, que existe en Galicia, lembrando que “co ritmo actual, dentro de 35 anos, Galicia podería ter menos habitantes dos que tiña en 1990”.

Pola súa banda, o delegado territorial indicou que as previsións realizadas polo Instituto Galego de Estatística apuntan que a provincia perderá máis de 30.000 habitantes na próxima década e cinco comarcas perderán unha cuarta parte da súa poboación actual. Ademais aludiu ás cifras de nacementos rexistradas no IGE para subliñar que “a tendencia é obvia e a conclusión tamén. En 2013 naceron en Ourense 454 nenos menos que hai 20 anos e 2.843 menos que hai 38 anos”.

Na súa intervención, Martínez asegurou que “temos que sensibilizarnos e concienciarnos de que o problema demográfico é xa hoxe un problema, que vai ser gravísimo mañá . Por isto, cómpre que as administracións, as empresas e a sociedade sexamos conscientes da situación e que, xuntos, deseñemos e adoptemos medidas que freen esta perda poboacional”.

Amparo González explicou que a Xunta está a expoñer esta problemática en diferentes foros como o Senado, o Comité das Rexións en Bruxelas, xornadas internacionais, ante Comisarios europeos, e ante responsables doutras rexións da UE.

Ademais de expoñer a situación, lembrou que se conseguiron outros logros relevantes como activar a Comisión de demografía no Parlamento galego; realizar a Enquisa sobre o cambio demográfico; poñer en marcha do primeiro Plan de dinamización demográfica de Galicia, que xa está executado nas súas dúas terceiras partes; ou liderar a creación dun Foro de rexións con desafíos demográficos (FREDD) xunto con Asturias, Castela e León, Castela A-Mancha, Estremadura e Aragón.

A responsable da área autonómica, ademais, deixou claro que o Goberno galego sigue a poñer a disposición das persoas que desexen ser pais e nais “todas as facilidades, apoios socioeconómicos e instrumentos de conciliación necesarios”.

Explicou que os expertos coinciden en que as actuacións en materia de conciliación da vida laboral, familiar e persoal “son as máis efectivas” para lograr o fomento da natalidade. De feito, hai estudos realizados en países do contorno que vinculan directamente o aumento da ratio de cobertura de escolas infantís públicas co incremento do índice sintético de fecundidade.