A terceira camiñada cultural promovida polo Concello de O Barco: Covas, Vilar de Silva e Pardollán

caminata

Será este domingo día 8 de marzo. Coma sempre cada quen accede ao punto de partida con medios propios. É unha ruta circular que transcorre polo Parque Natural Serra da Enciña da Lastra no concello de Rubiá de Valdeorras.

Camiñada entre Pumares e O Barco o pasado 22 de febreiro. Foto: Gustavo Docampo

Como nas outras camiñadas pararemos a ver e comentar os elementos salientables do patrimonio natural e histórico. Contaremos coas explicacións do biólogo José Ansín e do arqueólogo Santiago Ferrer.

Lugar de partida: Poulo do Couso. Tomar a N-120 en dirección Ponferrada e coller a saída a Biobra, non pasar a ponte que cruza a estrada e ir cara a dereita, a poucos metros hai un sitio amplo para aparcar, aí deixaremos os coches.

Hora de saída: 9h30

Percorrido: Poulo do Couso – Covas – Vilar de Silva – Santo Estevo de Pardollán – Poulo do Couso.

Descrición do itinerario: Desde o Poulo do Couso iniciaremos a marcha baixando en dirección a Covas polo Galeirón, pasando polo asentamento romano de Os Enterrados e un antigo caleiro nas proximidades de Covas, para continuar en dirección a Vilar de Silva, por entre as aciñeiras e con excepcionais vistas sobre o río Sil, logo iremos cara a Pardollán parando no mirador da Cruz sobre os farallóns calizos de Penarrubia e as localidades da marxe esquerda do Sil. Antes de chegar a Pardollán tomamos o chamado carreiro do Cura, que lle fixeron para que o párroco chegase cómodo á igrexa de Santo Estevo (S.XII), con interesantes detalles do románico tardío, que foi abandonada a principios dos anos sesenta do s.XX. Preto da igrexa veremos os restos dun antigo muíño co banzado ben conservado onde recollían augas de manancial para moer. Continuaremos cara a minas de pinturas que explotara o empresario Marcelino Suárez (Caleras de Valdeorras) na primeira metade do século XX. O camiño continúa pola valiña do Carballal ata o alto do Carballín (841 m) que é o punto máis alto do noso itinerario e que ofrece fermosas vistas sobre o Parque Natural e a comarca do Bierzo. Desde alí iremos baixando en suave pendente achegándonos ao punto de partida.

Distancia aproximada: 11,7 quilómetros.

Dificultade: baixa.

Estado do camiño: Por partes hai tramos con bulleiro e carreiros estreitos que fai moi recomendable levar calzado resistente, tipo bota de montaña ou similar.

Non é necesario inscribirse, simplemente estar puntuais (9h30) no lugar de saída.