A revista da ‘Coral de Ruada’, «gran embaixadora de Ourense»

  • Coral de Ruada presenta unha nova edición da súa revista, coa actualidade musical e cultural da formación coralista
  • A publicación conta co apoio da Deputación de Ourense, «que contribúe a pór en valor o labor que desde hai case cen anos realiza a Coral de Ruada, a gran embaixadora de Ourense», afirma Manuel Baltar
Eladio Quevedo, Manuel Baltar e Samuel Lago.
Eladio Quevedo, Manuel Baltar e Samuel Lago.

 

A Coral de Ruada presentou hoxe unha nova edición da súa revista, a número 11, na que da conta da actualidade musical e cultural da formación coralista nos últimos tres anos. A publicación conta co apoio da Deputación de Ourense, «que contribúe a pór en valor o labor que desde hai case cen anos realiza a Coral de Ruada, a gran embaixadora de Ourense», afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación que tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e que contou tamén coa participación do presidente da Coral, Samuel Lago, e do presidente de honra da formación musical, Eladio Quevedo.

Manuel Baltar destacou que a Coral de Ruada «representa a traxectoria dun pobo que ao longo dun século tivo na Coral de Ruada a súa banda sonora», e lembrou as numerosas distincións que a agrupación ten recibido «pola súa traxectoria e defensa da cultura e da música da nosa terra, algo polo cal a Deputación de Ourense é aliada estratéxica súa e comparte os mesmos intereses, que son a defensa da nosa provincia e das nosas tradicións».

Samuel Lago agradeceu á Deputación de Ourense «o apoio decidido que lle brinda á Coral de Ruada», e explicou que a revista ten unha tirada de 500 exemplares que serán distribuídos gratuitamente entre bibliotecas, institucións, centros galegos e coralistas.

O número 11 da revista recolle as actividades realizadas pola Coral durante os anos 2013, 2014 e 2015, ademais de seccións como: a Entrevista, Discografía propia, Visitas, In Memorian, e información sobre actividades da Coral. Samuel Lago, adiantou que neste número inclúense novas seccións como «Medalla Castelao», «Reedición das Obras Completas de Xabier Prado «Lameiro» e «Escolas»; nesta última dáse conta da posta en marcha da escola de instrumentos populares «Virxilio Fernández», e da colaboración con centros escolares para a promoción da música galega en coros infantís, ademais das viaxes da coral e seus concertos por distintos puntos da xeografía galega.