A Limia contará cun camión-escaleira no seu Parque de Bombeiros

O Consorcio contra Incendios aprobou hoxe iniciar os trámites para a compra do vehículo “unha necesidade a prol da seguridade e protección da cidadanía, fundamentalmente no casco urbano de Xinzo de Limia”, afirma Manuel Baltar 

1 1 1 2015 MB e Cons A Limia

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe a sesión do pleno do Consorcio contra incendios e salvamento da Limia, reunión na que tamén participou o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luis Menor, e os alcaldes e representantes dos concellos que engloban o consorcio.

Na xuntanza deuse conta da liquidación do orzamento de 2014 e da aprobación da conta xeral correspondente a dito exercicio. Ademais, acordouse iniciar o expediente para a compra dun camión-escaleira para o Parque de Bombeiros, “unha necesidade a prol da seguridade e protección contra incendios da cidadanía, fundamentalmente no casco urbano de Xinzo de Limia”, explicou Manuel Baltar. Dito investimento será asumido pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e os concellos que integran o Consorcio contra Incendios da Limia.

A Deputación de Ourense está a impulsar a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención, a través da unificación deste entes no Consorcio Provincial de Incendios. Precisamente, en decembro pasado, a institución provincial celebrou a asamblea na que se aprobaron provisionalmente os estatutos do que será o Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, que se constituirá proximamente.

O obxecto do consorcio é a execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento que se lles atribúen na lexislación vixente aos entes consorciados, mediante a xestión e coordinación, e no seu caso a creación, dunha rede de parques que garanta a prestación homoxénea do servizo, por calquera das modalidades de xestión previstas na lexislación.

Entre os fins do consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens; a prevención e extinción de incendios; a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco; e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade, que afecten a persoas, edificacións e instalacións; así como o fomento da auto-protección.

 

También te podría gustar...