A industria da música, seus axentes e os dereitos de autor, hoxe a debate no “Ourense ICCWeek”, en Celanova

descargaA industria da música, seus axentes e os dereitos de autor son os temas que se debaten hoxe no marco do “Ourense ICCWeek”, o evento que reúne esta semana na provincia de Ourense en torno ao ámbito audiovisual a expertos, emprendedores, empresarios e público en xeral. O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes «Paco Pazo» e en diferentes vilas da provincia de Ourense.

Hoxe no Mosteiro de Celanova, na sesión da mañá (de 10.30 a 13.30 horas), abórdase o tema do futuro das discográficas, os axentes, os eventos, a radio e a prensa musical vistos polos seus protagonistas. Pola tarde (de 16.30 a 19.30 horas), tratarase o tema “O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual”. Nos relatorios participan Tomás Fernando Flores, xornalista, crítico musical e director de Radio 3; Carlos Galán, director xeral de “Subterfuge records”, a compañía discográfica independente máis importante do país; Joan Luna, redactor xefe da revista “Mondosonoro”; Javier de Esteban, xerente de Desenvolvemento de Negocio en España de “Ticketmaster”, e Jorge Vileilla, xefe de Produto de RockFM.

Os obxectivos do Ourense ICCWeek son presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais, e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para fidelizar relacións e contactos profesionais. Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.

Xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio son outras das finalidades do «Ourense ICCWeek”, que ten a Radio 3 como emisora oficial do evento.

También te podría gustar...