Semana da Enerxía 2015 UE

 

A Deputación de Ourense participa hoxe mércores e o mañán xoves en Bruxelas na “Semana da Enerxía Sostible de Europa”, un evento no que administracións públicas, axencias de enerxía e empresas comparten as mellores practicas e ideas sobre enerxía segura, limpa e eficiente, co fin de acadar os obxectivos da UE para o ano 2020 respecto a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro, medidas contra o cambio climático e en favor do aumento da eficiencia enerxética e do uso das enerxías renovables.

Técnicos do goberno provincial presentan neste evento –que se celebra na sede da Fundación Galicia-Europa, en Bruxelas- os plans de acción que se están a realizar en 19 concellos da provincia, adheridos ao “Pacto Provincial pola Sostibilidade”: A Bola, A Gudiña, A Merca, Baltar, Cartelle, Celanova, Gomesende, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Verea.

A Deputación de Ourense forma parte do consorcio do proxecto “50000 and 1 SEAPs”, que abrangue a diferentes entidades locais, asociacións de concellos, asociacións internacionais e axencias de enerxía de nove países da Unión Europea (España, Italia, Bulgaria, Francia, Alemaña, Grecia, Letonia, Polonia, Rumania).

 

O  Proxecto foi presentado a través da Sección de Planificación e Seguimento de Investimentos á última convocatoria de proxectos do período 2007-2013 do Programa Enerxía Intelixente – Europa, pertencente ao  Programa de Competitividade e Innovación da Comisión Europea, resultando aprobado. O obxectivo é apoiar ás autoridades locais no desenvolvemento integrado dos Plans de Acción de Enerxía Sostíbel  (PAES) con sistemas de xestión enerxética segundo a norma ISO 50001.