A Deputación de Ourense organiza unha ‘Xornada sobre Transparencia’ para os gobernos locais da provincia

Manuel Baltar, na presentación da Xornada sobre Transparencia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe a “Xornada sobre transparencia para os gobernos locais da provincia de Ourense” que se celebrará no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o vindeiro venres, 17 de outubro. A xornada, que contará coa participación de alcaldes, concelleiros e secretarios dos municipios da provincia, ten como obxectivo sensibilizar e promover nos gobernos locais melloras no ámbito da transparencia, a comunicación e a participación cidadá, coa finalidade de favorecer unha mellor información pública.

A xornada está organizada conxuntamente pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, e contará na inauguración coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar e o xerente da fundación, José Luis Moreno Torres. Os relatorios abordarán temas como “O valor político e económico da Transparencia”, ponencia inaugural que será impartida por Enrique Varela Álvarez, profesor da Universidade de Vigo e membro do Comité de Ética, e tamén se falará de “Transparencia e acceso á información pública”, a cargo de María Esperanza Zambrano, subdirectora xeral de Normativas e Documentación Parlamentaria do Ministerio de Presidencia. O programa complétase co relatorio sobre “os gobernos locais ante a Lei de Transparencia”, a cargo de Marcos Almeida, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, e Isaac Martín, profesor da mesma materia na Universidade de Castela-A Mancha.

A xornada será retransmitida en directo a través das webs da Deputación de Ourense e da Fundación Democracia e Goberno Local.

Manuel Baltar subliñou que a transparencia “é unha liña estratéxica institucional da Deputación de Ourense, unha “marca” que queremos trasladar con esta xornada aos gobernos locais da provincia para conciencialos da importancia de realizar unha labor seria, responsable, ambiental e transparente, compartindo toda a información cos cidadáns”. Lembrou que a Deputación de Ourense foi a primeira en aprobar unha ordenanza específica sobre Transparencia e avanzou que nos orzamentos de 2015 “crearemos un negociado de Transparencia e participación cidadá e seremos a primeira administración en contar cunha unidade específica de Transparencia”.

Posta en marcha da “Vídeo-Acta”

Asemade, o presidente provincial anunciou a posta en marcha na Deputación antes de que remate 2014 dunha novidosa ferramenta tecnolóxica, a “Vídeo-acta”, “que simplificará a redacción das actas dos plenos e permitirá poñer a disposición dos cidadáns e dos medios de comunicación ditas actas no mesmo día do pleno, ademais de posibilitar unha busca inmediata, con rexistros minutados, dos temas tratados no pleno, por parte dos internautas”. Baltar considera que esta ferramenta, na que xa traballara na súa etapa no Parlamento de Galicia, “fará máis accesible e participativa a vida da Deputación de Ourense por parte dos cidadáns”, ferramenta que se implementará posteriormente tamén nas comisións e nas xuntas de portavoces.

 

También te podría gustar...