Acto de sinatura do protocolo Life Regenera Limia

Acto de sinatura do protocolo Life Regenera Limia

A Deputación de Ourense participa no proxecto europeo “LIFE Regenera Limia”, que ten como obxectivo levar a cabo accións preventivas no ámbito medioambiental na cunca do río Limia para facer compatible a actividade gandeira co bo estado das masas de auga da comarca da Limia.

 

O protocolo de actuación, segundo o cal o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente investirá máis de 2 millóns de euros na comarca da Limia, foi asinado hoxe na Casa do Concello de Xinzo de Limia polos socios do proxecto. Dito protocolo de acordo foi aprobado pola Comisión Europea o pasado mes de abril de entre case 1.500 candidaturas.

 

No acto de sinatura participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, e os representantes das empresas Coren, Ecolagunas e Gas Natural, Emilio Rial, Manuel Arturo Fernández e Manuel Menéndez, respectivamente. Tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e os alcaldes dos concellos de Xinzo, Bande, Vilar de Barrio, Porqueira, Sandiás, Lobeira, Sarreaus, Xunqueira de Ambía, Trasmiras, Vilar de Santos e Muíños.

 

Os asinantes do acordo comprométense a adoptar as medidas necesarias para lograr o obxectivo de reducir os nutrientes de orixe gandeira nas masas de auga da comarca da Limia, utilizando para iso técnicas innovadoras que contribúan a cumprir os obxectivos ambientais que establece a Directiva Marco da Auga e a normativa de transposición á lexislación española.

 

O proxecto está coordinado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e participan como beneficiarios asociados a Xunta de Galicia -a través da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas-, a Deputación de Ourense e as empresas Coren e Eco-Lagoas, mentres que a empresa Gas Natural participa como cofinanciador.

 

Este proxecto, que se vai desenvolver nun período de tres anos, contempla un investimento para a comarca da Limia que supera os 2 millóns de euros. Dentro do programa de traballo están incluídas 26 accións, entre as que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros coa finalidade de reducir o seu impacto no medio ambiente. En concreto, apóstase pola creación dun sistema de lagunaxe artificial como proxecto piloto de tratamento de xurros de porcino por medio de métodos naturais de depuración.

 

Asemade, está prevista a reconversión das antigas explotacións mineiras de extracción de area na Canle de Antela nun sistema lagunar de pozas que potencien a capacidade de depuración natural do curso fluvial e que contribúa á recuperación de espazos húmidos na ZEPA da Limia.

 

Tamén se levará a cabo a recuperación ambiental dos leitos fluviais modificados e a rexeneración de sistemas lagunares para reducir a presenza de nutrientes na auga, á vez que se recuperarán os ecosistemas locais de especial transcendencia en espazos incluídos na Rede Natura 2000.

 

En canto á difusión e concienciación social, mellorarase a información sobre todo entre o colectivo de gandeiros e outros profesionais do sector a través dun plan de sensibilización e educación ambiental para o fomento das medidas preventivas contra a contaminación das augas.