No pleno de hoxe aprobouse definitivamente o Plan de Obras, no que o goberno provincial inviste este ano máis de 12 millóns de euros para obras e servizos nos concellos da provincia

Tamén se deu conta do balance de datos económicos de 2014, no que destaca que a Deputación de Ourense presenta o maior remanente de Tesourería da súa historia: 25 millóns de euros

Deputacin de Ourense

 

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras do Programa de cooperación “BenOurense infancia” segundo o cal destinará este ano 200.000 euros para puntos de atención á primeira infancia na provincia de Ourense. O plenario aprobou as bases para a concesión de subvencións para o dito programa, achegas que teñen como obxectivo o mantemento das instalacións denominadas Puntos de Atención á Infancia (PAI), establecementos de carácter diúrno e de titularidade municipal situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, que teñen como finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos.

As bases tamén contemplan axudas para o servizo complementario municipal que realiza funcións de atención e coidado, fóra da xornada ordinaria dos centros escolares, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, actuando como soporte e apoio ás familias e contribuíndo así á conciliación da vida laboral e familiar.

Por outra banda, o pleno da Corporación Provincial aprobou tamén hoxe con carácter definitivo o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2015, no que o goberno provincial inviste este ano 12.147.000 euros para obras e servizos en todos os concellos da provincia. Pola súa banda, os concellos da provincia de Ourense achegarán un total de 1,6 millóns de euros para a co-financiación do Plan Provincial, que inclúe obras municipais, melloras na rede viaria da Deputación e a atención a concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta. En total o importe destinado no exercicio 2015 para o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e estradas (incluíndo o plan complementario) ascende a 13.821.224 euros.

En canto ao orzamento destinado á rede viaria provincial increméntase nun 42 % con respecto do ano 2014 e ascende a 3,5 millóns de euros. Tamén se incrementan os fondos que a Deputación de Ourense destina a cada concello no Plan de Cooperación 2015, correspondendo a cada un deles un total de 50.000 euros, relación na que tamén se inclúe a Entidade Local Menor de Berán. Como novidade figura unha asignación de 3.000 euros para cada concello en concepto de honorarios para a redacción de proxectos técnicos.

Tamén se deu conta no pleno de hoxe do balance de datos económicos de 2014, no que destaca que a Deputación de Ourense presenta o maior remanente de Tesourería da súa historia: 25.052.636 euros, e unha redución de máis de 70 puntos no endebedamento, que pasa do 116 % en 2011 a menos do 40 %, e coa estimación de sitúalo no rango do 34 % no vindeiro mes de maio, cando remate a lexislatura.

Resumo dos acordos do pleno

RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS FORMULADAS CONTRA A RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO PARA O EXERCICIO 2015

Acordo:

Aprobar definitivamente, coa incorporación das alegacións estimadas, a Relación de Postos de Traballo para o exercicio 2015, ordenando a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

APROBACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN BENOURENSE INFANCIA PARA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS A PUNTOS DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA E SERVIZOS COMPLEMENTARIOS DAS ENTIDADES LOCAIS PARA O EXERCICIO 2015

Acordo:

Aprobar as bases reguladoras do Programa de cooperación BenOurense Infancia para concesión de subvencións a puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios das entidades locais para o exercicio 2015.

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións do Programa “BenOurense Infancia” en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de atención á primeira infancia (PAI)”, e/ou dos  “Servizos complementarios”.

As subvencións obxecto da presente convocatoria intégranse na liña de acción do Programa Provincial de Asistencia aos Concellos e Mancomunidades para a Xestión de Puntos de Atención á Infancia, contemplada no apartado  C.1 do Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o exercicio 2015, plan de acción V.

Para as subvencións concedidas nesta convocatoria resérvase crédito na aplicación 231.11/462.01 do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2015 por importe de 200.000 € (douscentos mil euros)”.

APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS N.º 2/2015

Acordo:

Aprobar a modificación de créditos do expediente.

De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

 

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MONTEDERRAMO EN MATERIA DE RECADACIÓN DE GASTOS DERIVADOS DA APLICACIÓN DE MEDIOS DE EXECUCIÓN FORZOSA

Acordo:

Acepta-la delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Montederramo ten atribuídas en materia de materia de gastos derivados de execucións forzosas, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 12 de marzo de 2015. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

 

APROBACIÓN DO CATÁLOGO DE ESTRADAS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE AO 1 DE MARZO DE 2015

Acordo:

Aprobar o seguinte catálogo de estradas da Deputación Provincial de Ourense ao 1 de marzo de 2015, segundo a proposta formulada polo Servizo de Vías e Obras do 11 de marzo de 2015.

Publicar este acordo no BOP, para xeral coñecemento

 

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA XESTIÓN RECADATORIA DAS MULTAS COERCITIVAS DE ACORDOS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE CASTRO CALDELAS

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Castro Caldelas ten atribuídas en materia de xestión recadatoria das multas coercitivas derivadas de acordos municipais, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 14 de marzo de 2015. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

 

APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVICIOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2015

Acordo:

Aprobar definitivamente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2015 segundo o documento inicialmente aprobado na sesión ordinaria de 27 de febreiro de 2015, coas seguintes modificacións: 1.- Incorporar ó plan polo concello de Amoeiro a obra “Mellora de firme en Abruciños, Arruxo, Poboanza, Outeiro, Vilaboa, A Torre, Casares, Garabatos, Bergueira e Albeiros”, cun orzamento  de 53.000,00 €, en sustitución das obras nº 2/POS/2015 “Mellora de firme en Abruciños, Arruxo, Poboanza, Outeiro, Vilaboa, A Torre e Casares”, cun orzamento  de 42.400,00 € e nº 4/POS/2015 “Colocación de valado no parque infantil de Amoeiro”, cun orzamento de 10.600,00 €. 2.-Modificar a obra nº 224/POS/2015 quedando fixada a súa denominación como “Ensanche na OU-0102 Xunqueira-Polígono” en lugar da denominación “Regularización na OU-0102 Xunqueira-Polígono”, mantendo o investimento aprobado polo importe de 192.000,00 €. 3.-Fixar ó orzamento da actuación incluída no plan principal polo concello de Os Blancos coa denominación “Mellora camiños Fonte Arcada, Nocedo, Loureses, Pexeiroos, Blancos e Mosteiro” na cantidade de 50.000,00 €.

 

APROBACIÓN DA MOCIÓN CONTRA A PRIVATIZACIÓN DOS REXISTROS CIVÍS

Acordo:

Rexeitar a asignación dos Rexistros Civís aos Rexistradores da Propiedade e Mercantís, por ser unha privatización encuberta dun servizo público esencial como é o Rexistro Civil.

Rexeitar a posible mercantilización dos datos persoais das cidadás e cidadáns da nosa provincia.

Esixir que calquera reforma do Rexistro Civil manteña a gratuidade de todos os trámites e certificacións, tal e como acontece na actualidade.

Dirixir o presente acordo ao Sr. Ministro de Xustiza, instándolle a que dea marcha atrás nas súas  pretensións de privatizar os Rexistros Civís e que continúen sendo un Servizo Público e de calidade, como ata agora.