A Deputación de Lugo impulsa o estudo da natureza da provincia co II Concurso de fotografía das Reservas

escudo_cabecera_glA Deputación de Lugo impulsa o estudo da natureza da provincia a través do II Concurso de Fotografía, que nesta edición ten como tema principal Os bosques da provincia nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. A través desta iniciativa a institución impulsa o estudo da natureza e dá a coñecer toda a riqueza medioambiental da provincia para concienciar sobre a importancia de preservar o medio natural da provincia. Este concurso, que ten como eixo central as Reservas da Biosfera da provincia, está enmarcado dento das actividades de promoción dos recursos naturais co que se busca establecer a flora e fauna de Lugo como motor xerador de riqueza.

O prazo de presentación dos proxectos está aberto e pódese consultar na web www.deputacionlugo.gal toda a información e bases deste concurso. Os participantes nesta nova edición, maiores de idade e non premiados con anterioridade neste certame, poderán optar a 3 premios; o primeiro, que ascende a 800 euros, un segundo premio, de 500 euros e finalmente un terceiro, por valor de 300 euros.

Bases do Concurso

Neste certame fotográfico só poderán optar ao premio as persoas maiores de idade que estean interesadas, con obras que non foran premiadas con anterioridade. Ademais, só se poderá presentar unha fotografía por autor/a e terase que entregar nun CD-ROM coa imaxe en formato TIFF en modo de cor RGB. O arquivo terá un tamaño mínimo de 15 Mb. No mesmo CD-ROM deberá existir unha copia da fotografía cun tamaño aproximado de 1,2 Mb comprimidas co formato JPEG en modo de cor RGB. Será necesario acompañar unha copia da fotografía en papel fotográfico en brillo cun tamaño de 24 x 30 cm. As fotografías deberanse presentar, antes do 30 de novembro de 2014, no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Lugo, Rúa San Marcos, 8, C.P. 27001, Lugo, indicando no sobre “CONCURSO DE FOTOGRAFÍA OS BOSQUES DAS RESERVAS DA BIOSFERA TERRAS DO MIÑO E OS ANCARES LUCENSES”. Para máis información consultar a web www.deputacionlugo.gal

También te podría gustar...