A conselleira de Facenda destaca as actuacións da Axencia Tributaria de Galicia para a atención e a asistencia aos pensionistas retornados galegos

A conselleira de Facenda en Vigo

 

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, destacou hoxe as actuacións postas en marcha pola Xunta para a atención e a asistencia aos pensionistas retornados. A titular de Facenda mantivo unha reunión co delegado da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) en Vigo, Miguel Rey Lama, na que abordaron estas actuacións e as que levarán a cabo nos vindeiros meses.

En concreto, dende o pasado 1 de xaneiro, a Axencia Tributaria de Galicia conta con persoal especializado nas súas delegacións para atender aos retornados no procedemento de devolución das sancións, recargos e xuros de demora. Este trámite pódese realizar igualmente nas oficinas da Axencia Tributaria do Estado (AEAT) e por internet.

Ademais, a ATRIGA conta tamén cun teléfono de información para atender a todos os retornados que teñan dúbidas sobre este procedemento.

A titular de Facenda e o delegado da ATRIGA en Vigo analizaron tamén a campaña de asistencia específica para os pensionistas retornados, que comezará o vindeiro mes de marzo e se prolongará ata o 30 de xuño. Este colectivo recibirá a axuda necesaria para levar a cabo o proceso de regularización das súas pensións, a través de plataformas conxuntas coa AEAT que funcionarán nas dependencias da Axencia Tributaria do Estado.

Sobre isto, neste mes de febreiro habilitarase un sistema de cita previa. Os retornados poderán pedir unha cita por internet ou por teléfono, e no día que se lles asigne poderán realizar e presentar as declaracións tributarias que lles correspondan coa axuda de persoal especializado de ambas administracións.

También te podría gustar...