Foro de Demografía

 

A Deputación de Ourense elaborará un catálogo de actuacións para traballar a prol da reactivación demográfica na provincia, co obxectivo de poñer en marcha iniciativas e estratexias que fagan fronte “ao problema máis grave que temos xunto co do desemprego”, explicou o presidente provincial, Manuel Baltar, na apertura do Foro de Demografía que se está a celebrar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, organizado polo xornal La Región e coa colaboración da institución provincial.

A este foro seguirán nas vindeiras semanas outros dous foros sobre Termalismo e Emprendedores, “temáticas que inciden nos aspectos fundamentais polos que temos que traballar como son: territorio, poboación e identidade”, afirmou Manuel Baltar, quen lembrou que a competitividade, a dinamización económica e a atracción de novos proxectos empresariais serán indicadores determinantes para mellorar os índices demográficos, “e para elo é clave a cooperación e colaboración entre administracións, os colectivos sociais e os que traballan no ámbito do benestar, pero tamén o é a necesidade de seguir traballando en favor do equilibrio territorial”.

Baltar lembrou que xa o pasado mes de xaneiro a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou unha proposta do presidente para levar a cabo iniciativas que permitan analizar a situación demográfica da provincia de Ourense, “un problema que constitúe unha prioridade na acción política e que supera o horizonte temporal dunha lexislatura, para converterse nun eixo de actuación obrigado durante xeracións”.

No Foro de Demografía, que se desenvolve hoxe no Centro Cultural, participan, ademais de Manuel Baltar, o director da área de Benestar da Deputación de Ourense, José Juan Cerdeira, e os relatores Carlos Ferrás, director do grupo de investigación GIS-T Idega, e Julio Pérez, científico do Consello Superior de Investigacións Científicas, quen están a presentar estudos relacionados coa demografía en Ourense, Galicia e España aos representantes de entidades e organismos que asisten a esta convocatoria, entre os que figuran o subdelegado do Goberno, Roberto Castro; o alcalde de Bande, José Antonio Armada, e representantes institucionais, universitarios, empresariais e sindicais.

En canto aos datos demográficos, a provincia de Ourense conta con 326.724 habitantes, que residen nos 7.273 quilómetros cadrados da provincia, unha poboación que na metade do século pasado superaba os 450.000 habitantes, dos que só 1 de cada 10 residía na capital (hoxe é 1 de cada 3 habitantes), unha capital ourensá que abrangue o 33 % da poboación provincial, distribuíndose o 67 % restante en 91 dos 92 concellos, todos eles de menos de 20.000 habitantes. Outro dato relevante é que os cinco concellos de maior poboación totalizan máis da metade da poboación provincial.