A cifra de paro en Galicia queda en setembro en 238.203 persoas desempregadas

Oficina de empregoGalicia pechou o mes de setembro cun total de 238.303 persoas desempregadas, o que supón un incremento do 0,53 por cento (1.264 persoas) con respecto a agosto.

A directora xeral de Formación e Emprego, Ana María Díaz, valorou hoxe a evolución dos datos do paro rexistrado, e explicou que setembro sempre ten un comportamento “moi estacional”.

Por iso, fixo fincapé en analizar “as cifras desestacionalizadas, como a evolución interanual”. A este respecto, salientou Galicia rexistrou a décimo primeira baixada interanual consecutiva do desemprego. “Isto é, levamos case un ano con descensos interanuais. Ademais, a baixada deste mes é a maior de todas ata o momento”, subliñou.

En concreto, o descenso do paro con respecto a setembro do ano anterior foi de 22.530 persoas, un 8,64 por cento menos. Trátase, polo tanto, do mellor comportamento interanual dun mes de setembro de toda a serie histórica (datos desde 1996) en termos absolutos. En termos relativos, é o mellor mes de setembro desde 1999.

Este comportamento, destacou Díaz López, confirma a tendencia progresiva da mellora do mercado laboral. “Galicia remata setembro con menos parados dos que había no mesmo mes dos anos 2013 e 2012”, sinalou.

En España, o desemprego subiu en 19.720 persoas, un 0,45 por cento, ata situarse nos 4.447.650. En termos interanuais, o desemprego en España descendeu nun -5,86%. Deste xeito, Galicia sitúase por riba da media estatal a nivel interanual.

Por sectores, Díaz López resaltou que o aumento do paro rexistrado concéntrase no sector servizos (+2.678), aínda que tamén se rexistra un leve incremento no colectivo sen emprego anterior (+48). Pola contra, baixa nos outros tres sectores: na construción (-800), seguido pola agricultura e a pesca (-472), e pola industria (-190).

Por provincias, o desemprego baixou en dúas delas, e aumentou nas outras dúas. Descendeu en Ourense (-87) e Pontevedra (-9). Pola contra, subiu na Coruña (+1.149), e Lugo (+211).

Na evolución dos contratos, este mes rexistráronse un total de 80.360 contratos, 8.327 máis que no mes anterior, o que supón un aumento do 11,56%. Deste total, 6.105 foron indefinidos (7,6%), e 74.255 temporais (92,4%). No eido dos contratos, tamén se rexistra unha interanual positiva do 16,29%.

También te podría gustar...