• Galicia é a segunda Comunidade na que máis decrece o paro que baixa das 200.000 persoas por primeira vez en sete anos
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou onte que a Comunidade pecha xullo con 20.914 desempregados menos que no 2015, un -9,67%
  • Toca indicou que esta boa evolución se pon de manifesto nas afiliacións que con respecto a xuño tiveron un incremento 3 veces superior ao do Estado, situando a Galicia como a terceira rexión con maior incremento, un 1,67%
  • O número de persoas sen emprego volve a decrecer nas principais variables, con respecto ao mes pasado, en todos os sectores, nas catro provincias, nas 7 grandes cidades, tanto en homes como en mulleres e en todos os tramos de idade, resaltando o descenso nos menores de 30 nun -16,3% con respecto a 2015
  • Por sectores, lidera a baixada a construción cun -16,32% seguido da industria cun -14,62% con respecto a 2015
  • Toca sinalou que o Goberno galego continúa traballando para afianzar estas boas cifras e seguir creando postos de traballo estables e de calidade, tal e como quedou reflectido na última EPA
Foto: Yolanda Nieto

Foto: Yolanda Nieto

 

Galicia pechou o mes de xullo cun total de 195.457 persoas desempregadas, o que supón que o paro baixa das 200.000 persoas por primeira vez desde o verán de 2009. A baixada con respecto a hai un ano sitúase no -9,67%, é dicir, Galicia conta con 20.914 desempregados menos que en 2015, o que supón xa algo máis de dous anos e medio de baixadas consecutivas.

O descenso do paro este mes sitúa a Galicia, ademais, como a segunda Comunidade na que máis decrece con respecto a xuño e, polo tanto, cun comportamento mellor que o do Estado tanto en comparación con hai un ano como co mes pasado. Con respecto a xuño a diferenza coa media de España é de 3,49 puntos porcentuais.

Segundo Toca, “esta boa evolución” ponse tamén de manifesto nas afiliacións que triplicaron ás do Estado, situando a Galicia como a terceira rexión con maior incremento, un 1,67% en comparación co mes anterior.

Así mesmo, Toca puxo tamén en valor que o paro, ao igual que nos últimos meses, volve a baixar en todas as variables: nun -5,7% con respecto ao mes pasado; en todos os sectores de actividade; nas catro provincias; nas 7 grandes cidades; tanto en homes como en mulleres; e en todos os tramos de idade.

Con respecto aos sectores de actividade, o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso con respecto a hai un ano a construción nun -16,32%, seguido da industria cun -14,62%.

Toca, ademais, apuntou que o paro rexistrado decrece nas catro provincias galegas tanto con respecto ao mes pasado como en comparación con hai un ano. En termos interanuais baixa na Coruña nun -9,89% seguida de Pontevedra cun -9,66%, de Lugo cun -9,40% e de Ourense cunha baixada do -9,11%.

Salientou, así mesmo, que o número de persoas sen emprego acadou un descenso do -16,30% entre os menores de 30 anos con respecto ao ano pasado.

Toca salientou que estas cifras xunto coas da EPA indican que “temos que seguir traballando para afianzar esta boa evolución e seguir creando emprego estable e de calidade, aínda que estamos no bo camiño”.

Por iso, engadiu que o Goberno galego sigue a traballar a través da Axenda 20 do Emprego, unha planificación coa que está a impulsar o traballo estable e de calidade e coa que pretende a creación de 100.000 novos empregos e reducir a taxa de paro ata o 10 por cento.