Primeira gala da comunicación e do marketing en Galicia, proposta positiva «por tratarse dun evento único e por facerse no escaparate que supón Expourense”

  • A Deputación colaborará para que Ourense acolla a primeira gala da comunicación e do marketing en Galicia
  • Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao presidente do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia
Alejandro Vázquez, Xosé Luis Reza, Manuel Baltar e Emma González

Alejandro Vázquez, Xosé Luis Reza, Manuel Baltar e Emma González

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia, Xosé Luis Reza, acompañado do xerente desta entidade, Alejandro Vázquez, e da directora de xestión de Expourense, Emma González, con quen analizou as posibilidades de organización en Ourense da primeira gala da Comunicación e do Marketing, que se celebraría no vindeiro mes de outubro no recinto de Expourense, no marco do Foro da Comunicación, co que tradicionalmente xa vén colaborando a Deputación de Ourense.

O presidente do goberno provincial recibiu positivamente esta proposta “por tratarse dun evento único en Galicia, que tería lugar en Ourense, e por facerse no escaparate que supón a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense”, apostando pola colaboración da institución provincial “para que Ourense se converta en foro permanente da comunicación na nosa comunidade autónoma”.

O Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia ten como obxectivo incorporar a todos os axentes da cadea de valor da comunicación en Galicia, procedentes dos sectores do marketing, a comunicación, creativos, deseñadores, artes gráficas e editores, para xerar oportunidades de negocio. Naceu en 2007 coa denominación de “Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego” para impulsar proxectos comúns relacionados coa formación, a innovación, a internacionalización e a competitividade. Na actualidade está formado por máis de setenta entidades, entre as que figuran asociacións, empresas, centros tecnolóxicos e de formación, que abranguen todo o sistema de valor do produto gráfico, desde o deseño e a pre-impresión, ata a edición de libros, o marketing e a comunicación.

 

También te podría gustar...