• A provincia de Ourense acollerá o “Grand Prix Race Edition” 2016, unha proba deportiva e de habilidade por equipos
  • A Deputación de Ourense co-organiza este evento, que se disputará os días 24 e 25 de xuño nun municipio da provincia de Ourense con participantes de diferentes lugares de España
Grand Prix 2016 - Ourense

Grand Prix 2016 – Ourense

A provincia de Ourense será escenario os vindeiros 24 e 25 de xuño do “Grand Prix Race Edition” 2016, unha proba deportiva e de habilidade que co-organizan a Deputación de Ourense e Qualité Sports Events e que se disputará nun concello da provincia coa participación de equipos de diferentes localidades de Galicia. Deporte, diversión e traballo en equipo é a filosofía desta competición, inspirada no espírito do popular programa de televisión dos anos 90 e coa que se busca premiar á localidade “máis en forma” de España. A proba consiste nun circuíto de seis quilómetros no que se intercalan diferentes obstáculos naturais e artificiais, ademais de probas de equilibrio, habilidade e axilidade mental que os participantes deberán resolver contra-reloxo e cos axuda dos demais compañeiros de competición.

Para participar no Grand Prix é necesario formar un equipo mixto de entre 6 e 12 integrantes, que representará ao lugar de residencia da maioría deles, desde un barrio ou parroquia ata unha gran cidade, decidindo cada equipo a demarcación xeográfica que quere defender. A carreira disputarase mediante un sistema de quendas, tomando a saída 10 equipos cada 15 minutos. A efectos da clasificación xeral, o sexto clasificado de cada equipo será o que determine o tempo final do seu equipo.

O Grand Prix celebrará o 24 de xuño a proba dos participantes menores de 18 anos, na que poderán participar nenas e nenos de 8 a 12 anos na categoría Junior e de 13 a 17 anos na modalidade Promesas. Nestes casos, os equipos poderán estar formados por entre 4 e 8 integrantes, que se enfrontarán a un circuíto máis curto e adaptado ás súas condicións. A proba de adultos terá lugar o sábado, 25 de xuño.

As inscricións poderán formalizarse na web do evento: www.elgrandprix.es a partir do vindeiro 3 de maio, estando limitada a participación a 100 equipos na versión adulta.