No período 2010-2014 incrementáronse en máis dun 51% os fogares galegos con internet de banda larga contratada

image_gallery (7)Un 70,3% dos fogares galegos ten contratado Internet a través de banda larga, rexistrando un incremento do 7,7% no último ano, o 2014, a Comunidade reduciu a fenda dixital neste indicador en 8,2 puntos coa media estatal e en 6,8 puntos coa media europea.

Así se desprende dos resultados do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Galicia recorta distancias con España e Europa
Nos últimos catro anos Galicia recortou significativamente a fenda dixital coa media estatal e europea nos principais indicadores de acceso e uso das TIC nos fogares galegos. Así, o 71,5% dos fogares galegos dispón de ordenador, porcentaxe que aumentou un 16,1% no período 2010 – 2014. A diferenza entre a media galega e a estatal pasou de 7,1 puntos no 2010 aos 3,3 da actualidade.

Un 69,3% da poboación galega utilizou Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 6,9% no último ano. Nos últimos catro anos Galicia reduciu a fenda dixital con España neste indicador en 3,7 puntos e en 6,7 puntos coa media europea.

Factores que inflúen no uso das TIC
O estudo do OSIMGA sinala tamén que a presenza de nenos no fogar, o maior tamaño do hábitat, o nivel de estudos e de ingresos son factores determinantes no uso das TIC.

A contratación de Internet en fogares con nenos en idade escolar obrigatoria sitúase no 87,5%, máis de 22 puntos porcentuais que nos fogares sen nenos.

Respecto ao hábitat, cómpre sinalar que todos os núcleos de máis de 10.000 habitantes superan a media galega de contratación a Internet e no caso dos núcleos de máis de 50.000 sitúanse por riba da media estatal. Ademais, no último ano os núcleos de menos de 5.000 experimentaron un incremento de 7 puntos porcentuais, chegando ao 52,4% de fogares con internet contratado.

Por outra banda, todos os indicadores aumentan as súas porcentaxes unha vez superada a primeira etapa de educación secundaria e o maior nivel de ingresos incide tamén no incremento dos indicadores TIC.

También te podría gustar...