Mostra fotográfica do Camiño de Santiago no Museo da Cultura de Milán

  • O Museo da Cultura de Milán acolle unha mostra fotográfica do Camiño de Santiago promovida por Turismo de Galicia
  • A mostra, que pode visitarse ata o vindeiro 29 de maio, difundirá diversos aspectos do principal produto turístico de Galicia no norte de Italia
  • O fotógrafo italiano Tommaso Pini expón 50 fotografías realizadas durante o seu percorrido pola Ruta Xacobea
  • No pasado ano, Italia foi o país estranxeiro do que máis peregrinos chegaron a Compostela, cun total de 22.148
  • No que vai de ano, 2.653 peregrinos de Italia recibiron a Compostela, un 4,72% máis que no mesmo período do ano anterior

image_gallery (2)O Museo da Cultura de Milán acolle ata o vindeiro 29 de maio unha mostra de 50 fotografías sobre o Camiño de Santiago organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Milán ao obxecto de promover a Ruta Xacobea no norte de Italia.

As imaxes foron tomadas por Tommaso Pini, un peregrino italiano que foi fotografando distintos aspectos do Camiño na súa andaina ata Compostela. Así, a mostra consta de 70 fotografías, das que 50 son retratos e 20 paisaxes.

Ademais, todas as fotografías están catalogadas con códigos QR que permiten acceder a un blog no que se detalla a historia de cada imaxe. Esta mostra xa visitou a cidade de Turín, o pasado mes de abril, e logo da súa estadía en Milán, viaxará a Bolonia.

Mediante esta exposición, Turismo de Galicia busca promocionar as Rutas Xacobeas nun dos mercados máis importantes para o Camiño de Santiago.

Mercado estratéxico para o Camiño de Santiago
No pasado ano, Italia foi o país estranxeiro do que máis peregrinos chegaron a Compostela, cun total de 22.148, o que supuxo o 15,81% do total dos peregrinos de fora do noso país.

O Camiño de Santiago incrementou, así, no 2015 a cifra de peregrinos procedentes de Italia en case un 30% en relación ao ano anterior.

No que se refire ao 2016, no que vai de ano xa realizaron algunha das Rutas Xacobeas un total de 2.653 peregrinos italianos, o que supón un incremento do 4,72% en relación ao mesmo período do ano anterior.

También te podría gustar...