• O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou o protocolo de colaboración que permitirá aplicar técnicas innovadoras, preventivas e de formación para o sector primario

0 MB e Life Regn Limia

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe o protocolo de colaboración do proxecto “Life Regenera Limia”, unha iniciativa que desenvolve o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, os concellos que abrangue o río Limia e a iniciativa privada, representada por Coren e Ecolagunas, co obxectivo de reducir a presenza de nutrientes nos ríos da comarca limiá con técnicas innovadoras, preventivas e de formación para os ector primario.

O convenio foi asinado esta mañá na Subdelegación do Goberno en Ourense por parte de Manuel Baltar; do presidente da CHMS, Francisco Marín; da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e dos representantes das empresas Coren e Ecolagunas, Emilio Rial e Luis Felipe Fernández, respectivamente, acto que estivo presidido polo delegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro.

O proxecto foi presentado polo ministerio ao eixe de Política e Gobernanza medioambientais dentro da área temática “Agua” do programa LIFE+ e aprobado pola Comisión Europea o 30 de abril de 2014 de entre case 1.500 candidaturas. No encontro de hoxe expuxéronse os avances levados a cabo por cada unha das partes e para explicar en detalle as accións pendentes de executar ata o 2017.

Manuel Baltar destacou a importancia da sinatura deste convenio “porque se centra nun ámbito de actuación fulcral para o goberno provincial como é o medio ambiente e as estratexias de sostibilidade dun territorio tan importante do noso medio como son as contornas do río Limia, que abranguen a comarca agraria máis importante de Galicia”. Neste sentido, Baltar remarcou a necesidade de seguir mantendo “unha defensa contundente do medio ambiente”, “e con este convenio non só abordamos un aspecto económico no que atinxe ao medio ambiente, senón tamén de cooperación institucional e privada e de concienciación ambiental. Todo elo conta co apoio da Deputación de Ourense e repercutirá favorablemente a prol da Limia e do noso medio natural”, subliñou Manuel Baltar.

Solucións para a masa de auga

O proxecto nace co obxectivo de dar solución a unha masa de auga moi modificada pola actividade do sector primario, empregando para elo técnicas innovadoras que contribúan a cumprir os obxectivos medioambientais que establece a “Directiva Marco del Agua” e a normativa de transposición á lexislación española.

Dentro do programa de traballo están incluídas 26 accións, algunhas xa executadas, entre as que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros co ánimo de reducir o seu impacto no ambiente, apostando por zonas húmidas artificiais intensivas de macrófitos, creando para elo un sistema de lagoas artificiais como proxecto piloto de tratamento de xurros de porcino por medios destes métodos naturais de depuración, co que se determinará a efectividade deste sistema así como a adecuada relación do coste-eficiencia das técnicas aplicadas.

Por outra parte trátase de demostrar que é posible unha mellor xestión medioambiental dos terreos agrarios mediante a optimización do uso de fertilizantes de orixe orgánico a través dun sistema de control integrado de condicións edafolóxicas. Isto significa que é posible mellorar os resultados económicos e minimizar os riscos ambientais.

No relacionado coa difusión e concienciación social, avánzase na transmisión de información sobre todo entre o colectivo de gandeiros e outros profesionais do sector a través dun plan de sensibilización e educación ambiental para o fomento das medidas preventivas da contaminación das augas, que continúa e que está sendo moi valorado polas empresas e particulares do sector primario.

O investimento previsto segundo proxecto para a comarca da Limia supera os 2 millóns de euros e a duración do mesmo é de 3 anos (2015-2017).

Próximas licitacións

A CHMS licitará a finais de xaneiro o proxecto de reconversión das antigas explotacións mineiras de extracción de area no Canal de Antena, co obxectivo de crear un sistema lagoar de charcas como acción demostrativa que potencie a capacidade de depuración natural do curso fluvial e que contribúa á recuperación de espazos húmidos na ZEPA da Limia.

Tamén en breve a CHMS publicará a licitación do proxecto de recuperación do antigo meandro do río Limia para a mellora da capacidade de retención e asimilación de nutrientes presentes na auga. Con esta técnica innovadora, consistente na conexión hidráulica do río coas súas veigas de inundación a través do antigo curso fluvial, conseguirase potenciar o efecto fluvial natural de redución de presenza de nutrientes provocando a recirculación da auga pola antiga canle do río Limia e recuperando a súa chaira de inundación nos períodos húmidos.

Por outra parte, restableceranse os tipos de hábitats naturais presentes nas veigas do Bidueiral de San Lorenzo, as especies silvestres de flora e fauna autóctonas e as de aves da zona, incluídas na Rede Natura 2000.

Aposta por este proxecto

“Apostamos dende o principio polo proxecto Life Regenera Limia, presentamos a candidatura no ano 2013, e somos conscientes de que dará os seus froitos pouco a pouco e a largo prazo, pero consideramos que é a mellor solución para o sector primario, importante fonte de emprego e riqueza na comarca”, indicou Francisco Marín, presidente da CHMS. “Unha vez superada esta fase demostrativa estou convencido que, entre todos, iniciamos o camiño correcto de cara a conseguir que na futura revisión dos Plans Hidrolóxicos, prevista para o 2021, esta masa de auga cumpra os obxectivos medioambientais e poida alcanzar a catalogación de bo estado”, concluíu Marín.

Pola súa banda, Beatriz Mato destacou o compromiso da xunta de Galicia cos concellos do Limia e avogou “por cooperar para facer entre todos unha terra máis sostible”, defendendo que a actividade agraria “siga desenvolvéndose na Limia aproveitando os recursos endóxenos e protexendo o medio ambiente”. Para elo, afirmou que este proxecto “permitirá reducir os efectos de fertilizantes e abonos nas masas de auga do noso ecosistema fluvial e avanzará na prevención e na concienciación da sociedade”.