• Manuel Baltar e o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra analizan a candidatura de Patrimonio Mundial da Unesco

Ribeira Sacra Reunión

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu onte no Pazo Provincial ao presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e á xerente deste organismo, Alexandra Seara, con quen analizou temas de cooperación institucional, turismo e o desenvolvemento do expediente da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

No que atinxe á cooperación entre ámbalas dúas institucións, o presidente do goberno provincial confirmoulle a Fernández Guitián o acordo de colaboración para o ano 2016, polo cal a Deputación de Ourense achegará un total de 25.000 euros para contribuír ao sostemento do consorcio así como para o desenvolvemento de proxectos, de igual xeito que fixera en 2015. Baltar e Guitián tamén falaron de aspectos turísticos relativos a esta contorna, coincidindo na importancia de seguir potenciando a riqueza monumental, paisaxística e patrimonial coa que conta a Ribeira Sacra.

Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, substituíu o pasado verán a Juan Carlos Armesto como presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, nun mandato que terá unha duración de catro anos.