Imagen Archivo

Imagen Archivo

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou esta tarde no Parlamento que, a día de hoxe, están despregados preto de 3.000 traballadores para a loita contra os lumes forestais. Neste senso, sinalou que, dende finais de febreiro, o seu departamento incorporou de forma paulatina o persoal fixo-discontinuo e os medios aéreos, ao que hai que sumarlle as 268 motobombas operativas.

Rosa Quintana subliñou que, ante unha primavera complicada pola escaseza de choivas e ventos do nordés, o seu departamento reforzou gardas e horarios do persoal antiincendios, así como a dotación de medios nalgunhas bases aéreas. Sobre isto, puntualizou que incluso se dispuxo a presenza permanente dun hidroavión do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co fin de ter unha cobertura axeitada e plena de todo o territorio galego.

A maiores deste reforzo e tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume, procedeuse a prohibir as queimas de restos agrícolas e forestais dende o pasado 19 de marzo ata hoxe, podendo tramitar de novo estes permisos dende mañá, tal e como informou a conselleira.

Actividade incendiaria

Sobre os lumes forestais das últimas semanas, Rosa Quintana sinalou, unha vez máis, que “o monte non arde se non lle prenden lume”, indicando que a causa fundamental destes lumes se debe á actividade incendiaria. Feito que reforzou con exemplos como o de Carballeda de Valdeorras, onde se produciron 10 lumes o mesmo día nun espazo de tempo moi curto e afectando a unha superficie total de 200 hectáreas. Sobre isto, a conselleira informou que esta actividade incendiaria deixou unha cifra media de 16 lumes diarios no que vai do mes de abril, acadando os 200 lumes o pasado domingo.

Ante estes datos, Rosa Quintana subliñou a importancia da prevención nos montes galegos, destacando os máis de 9 millóns de euros destinados a axudas -aprobadas xa- para a prevención de incendios en montes veciñais de man común.