• A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o día 1 de novembro

No Pazo Provincial presentouse esta mañá a segunda edición da Carreira Popular do municipio de Monterrei que terá lugar o día 1 de novembro. O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez Martínez; o responsable da área de deportes de Monterrei, Marcos Meno Méndez; e da asociación deportiva Limactiva, Óscar Gómez Míguez.

Presentación da II Carreira Popular de Monterrei

Presentación da II Carreira Popular de Monterrei

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo porque “nunca é allea a eventos culturais, deportivos, a eventos que saen da cidadanía e que se levan a cabo pola preocupación e ocupación de determinados responsables políticos que teñen a sensibilidade de que como forman parte eses eventos do pobo e xorden da cidadanía e son frutíferos para o ocio, para o deporte e a saúde, pois se preocupen de que se leven a cabo”, asegurou Rosendo Fernández.

O alcalde de Monterrei afirmou que esta proba deportiva ten dous obxectivos, un deles é “fomentar a práctica do deporte no campo do atletismo pero dándolle á carreira un carácter popular onde se combinen valores que estean por encima da competición, e o outro promocionar o municipio de Monterrei situándoo no mapa das carreiras en Galicia”.

A carreira absoluta comezará ás 11.15 horas e ten un percorrido de 8 quilómetros que segundo asegurou Óscar Gómez, “os percorridos das probas que discorren por circuíto urbano son chans, moi doados e non moi longos”. Ata o momento para esta proba “hai máis de 140 inscritos e nas categorías inferiores hai un total de 170 inscritos, seguindo as cifras do ano anterior”, asegurou Marcos Meno.

Os interesados en participar poderán facelo aínda hoxe a través da páxina web www.carreirasgalegas.com e o prezo da inscrición é de 3 euros na carreira absoluta e gratuíta nas outras categorías.

A segunda edición da Carreira Popular de Monterrei pon fin ás actividades lúdico-deportivas que deran comezo no mes de xuño cunha BTT.