Videoclip «A Cidade»: Os nenos enchen de vida as rúas de Ourense

  • Os nenos enchen de vida as rúas de Ourense no videoclip «A Cidade»
  • A Deputación de Ourense colabora con este proxecto cultural, composto e interpretado por Magín Blanco e Uxía Domínguez, coa letra de Manuel María

image_gallery-1

 

O videoclip «A Cidade» composto e interpretado por Magín Blanco e Uxía Domínguez, coa letra de Manuel María (As rúas do vento ceibe, 1979), ten como protagonistas aos máis cativos, nenos e nenas que dan cor e vida aos lugares polos que pasan na cidade de Ourense. A presentación deste proxecto cultural tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a xefa territorial de Educación da Xunta, Mercedes Gallego; os directores do videoclip, Marcos Nine e Otto Roca; os músicos, Magín Blanco e Uxía Domínguez; e a responsable do colectivo «Re.creo», Marta Somoza.

A Deputación de Ourense colabora con este proxecto musical que «ensalza a figura de Manuel María a quen foi dedicado este ano o Día das Letras Galegas, e difundir esta obra na que se da a coñecer a realidade da nosa cidade e aqueles lugares seleccionados na proxección que axudarán a construír un imaxinario actual da cidade de Ourense», dixo Rosendo Fernández. Asemade, salientou a triple lectura da obra determinada pola «letra da canción, as imaxes da cidade e a narración simbólica dos nenos portadores das cores».

O poema «A Cidade» de Manuel María é «un dos máis coñecidos á hora de xogar coa poética dedicada aos nenos e co fomento da lingua aplicado aos ámbitos máis urbanos», afirmou Valentín García, e animou a continuar traballando nesta senda de «crear audiovisual e formatos que promovan a lingua na nosa mocidade e infancia».

Presentación do videoclip A Cidade
Presentación do videoclip A Cidade

 

Marcos Nine explicou que a idea xurdiu «a partir da canción «A Cidade» e xogando coa idea de que os nenos sexan os protagonistas, pensamos na metáfora de que foran eles os que levaran a cor aos distintos escenarios que estaban ilustrados nos versos de Manuel María, e ese «levar a cor» era representar simbolicamente a vida que hai nos sitios e que os nenos son os que a levan». Pola súa parte, Otto Roca agradeceu a colaboración de toda a cidadanía de Ourense que participou no vídeo a través do Colectivo Re.creo.

Marta Somoza explicou que o que se buscaba era representar neste proxecto «a diversidade da cidade tanto nos lugares como na xente, pero especialmente nos nenos. Nárrase como é a cidade formada polo conxunto de barrios que están entrelazados e solapados e tamén buscamos que nese imaxinario estiveran presentes os elementos máis significativos da cidade como o Teatro Principal, o Museo Arqueolóxico, o Cemiterio de San Francisco, entre outros».

«A nosa canción «A Cidade» está incluída nun libro-CD chamado Canta o cuco, que editou Galaxia dedicado integramente á figura de Manuel María e a mostrar a conexión do autor co universo infantil. Nesta peza en concreto nós tratamos de traer a Manuel María, á linguaxe musical contemporánea e facer un tema fresco, polo tanto, o clip adecuase perfectamente ao noso concepto», salientou Uxía Domínguez.

Virxilio Rodríguez dixo que a proxección reflexa «as tarefas que o colectivo estivo a facer nas instalacións do Campus de Ourense ao longo do curso académica anterior», e destacou os valores que sintetiza este vídeo musical e «cos que o Campus está comprometido como son a cidadanía, a lingua e a educación».

Video